Inicio Galicia O teu Xacobeo promociona a gastronomía local e os produtos de calidade...

O teu Xacobeo promociona a gastronomía local e os produtos de calidade no Camiño Norte de Santiago

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou en Lourenzá nunha das accións do proxecto ‘A Gastronomía fai Camiño’, que busca animar aos hostaleiros a ofertar un ‘menú do peregrino’ con produtos locais


A Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, neste caso en colaboración co GDR Terras de Miranda, presentou hoxe en Lourenzá o Menú do Peregrino do Camiño Norte, dentro do proxecto ‘A gastronomía fai camiño’, que forma parte do programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de cara ao vindeiro Ano Santo 2021.

O obxectivo deste proxecto desenvolvido polos GDRs é a elaboración dunha guía de pratos tradicionais, de produtos locais e de tempada nas comarcas polas que discorren os distintos camiños a Santiago.

Coa intención de animar aos hostaleiros de cada comarca a ofertar ese menú entre os seus clientes, peregrinos e turistas, os promotores organizaron unha serie de degustacións deses pratos elaborados con distintas receitas, pero todos co denominador común de ter como base os produtos locais e de tempada.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe no Pazo de Tovar de Lourenzá na presentación do menú do Camiño Norte, á que estaban convocados os restaurantes desta ruta xacobea. Balseiro salientou que esta iniciativa, que conta co apoio da Administración autonómica, permite aproveitar “o indiscutible tirón que ten o Camiño de Santiago para promocionar a nosa gastronomía e a enorme calidade e singularidade dos produtos locais”.

Segundo apuntou, trátase dunha acción “moi acertada, porque é capaz de conxugar dous elementos de gran potencial turístico, como son o Camiño de Santiago, que é unha das principais portas de entrada a Galicia, e a gastronomía local, que á súa vez é un escaparate cualificado para amosar a calidade dos alimentos que se producen na nosa terra”.

Entre as receitas que tiveron ocasión de coñecer os participantes figuraban o salpicón de pescada de Celeiro e fabas verdinas, Fabas con verduras e polo campeiro, Fabas con callos, Estofado de fabas con coello, Chulas en leite de canela e Requesón con mel.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre