Inicio Galicia ?O teu Xacobeo? pon en valor o camiño das estrelas coa mostra...

?O teu Xacobeo? pon en valor o camiño das estrelas coa mostra de fotos ?Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia?

0

O Pazo de Fonseca acolle ata o 26 de setembro a exposición que inaugurou hoxe a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, asistiu á inauguración da primeira exposición que acolle Santiago dentro da programación de O teu Xacobeo. Trátase da mostra fotográfica Vía Láctea, guía de Peregrinos a Galicia que estará aberta ao público ata o vindeiro 26 de setembro no Pazo de Fonseca.

As 40 láminas de gran formato que forman parte da exposición están asinadas polos fotógrafos Daniel Llamas e Daniel Lois e forman parte do libro Galicia, un lugar máxico para contemplar as estrelas. Cada peza amosa un momento da galaxia en diferentes puntos da xeografía galega, tanto na costa como no interior. A proposta pretende reflexionar sobre a importancia que ao longo da historia tivo a Vía Láctea como guía de peregrinos a Compostela e tamén o que para os diferentes pobos do mundo significou nas súas culturas esta galaxia formada por 400 mil millóns de estrelas.

Ao longo do tempo, o ceo foi unha guía que promocionou o Camiño de Santiago e o descubrimento da tumba do Apóstolo. Nestes intres, Galicia estase a situar xa como destino de primeiro nivel na observación do ceo, dentro do denominado turismo starlight. De feito, A Veiga e o Parque Nacional das Illas Atlánticas contan con esta distinción que apoia a Unesco.

Esta non é a única acción de O teu Xacobeo que ten como obxectivo impulsar o camiño das estrelas. A través do Observatorio Ramón María Aller, durante o mes de setembro continuarán as observacións dentro da acción itinerante O camiño das estrelas, as estrelas do camiño, que permitiu a centos de galegos gozar de avistamentos a través de telescopios profesionais e das explicacións do persoal do observatorio.

A orixe do camiño das estrelasDesde a publicación do Códice Calixtino, que no seu libro V recolle información sobre como realizar o Camiño a Santiago, a Vía Láctea foi a mancha blanquecina que os peregrinos observaban para camiñar cara a Galicia. Esta práctica foise perdendo pola realización da ruta polo día e pola gran contaminación lumínica que non permite mirar o ceo con claridade.

A exposición pretende ser un espazo de reflexión a partir do cal se promovan pequenas accións que respecten os lugares onde aínda é posible admirar o ceo, e xerar actividades e accións que fomenten este patrimonio.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre