Inicio Galicia 'O teu Xacobeo' da Xunta impulsa este verán máis de 30 actividades...

'O teu Xacobeo' da Xunta impulsa este verán máis de 30 actividades gratuítas de divulgación astronómica por Galicia

0

A iniciativa titulada ‘O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño’, estende a experiencia divulgativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago aos concellos do Camiño de Santiago


A Xunta, a través do programa O teu Xacobeo, impulsa este verán máis de 30 actividades gratuítas de divulgación astronómica en Galicia coa intención de levar a experiencia divulgativa e científica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela aos concellos da ruta xacobea.

Trátase de O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño, que inclúe varias accións como a que ten lugar hoxe e na que participa a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no paseo de Silgar de Sanxenxo a partir das 22,00 horas. Os asistentes a esta iniciativa poderán realizar observacións das estrelas con telescopios profesionais asesorados por persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

Con esta iniciativa os profesionais do Observatorio poñen en valor a secular relación da Astronomía co Camiño de Santiago. O proxecto está encamiñado a promover o importante patrimonio natural e cultural como é a Vía Láctea e impulsa o turismo astronómico.

Tras o seu paso por Sanxenxo, o calendario de O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño continuará durante o mes de agosto e setembro, tras un exitoso mes de xullo con varias actividades. As vindeiras accións previstas serán o domingo 25 de agosto en Rianxo; o luns 26 en Padrón; o 27 de agosto en Ordes o 28 en Monforte de Lemos, o 29 de agosto en Lalín e o 30 de agosto en Alto da Agrela, no concello coruñés de Teo. As actividades comezarán ás 22,00 horas, agás en Teo, cando está prevista para as 21,30 horas.

No mes de setembro o calendario desta iniciativa continuará o día 4 en Ordes, o 5 de setembro no Pico Sacro, en Boqueixón; o 6 de setembro en Vedra, o 20 de setembro en Barbadás e Lalín. En todos os casos as actividades comezarán ás 21,30 agás en Barbadás e Lalín, que será ás 21,00 horas.

Xornadas en Pena TrevincaXunto á iniciativa O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño, ao abeiro de O teu Xacobeo tamén se impulsan proxectos coa astronomía como protagonista como o que se desenvolverá nos meses de setembro, outubro e decembro en Pena Trevinca, no concello da Veiga, en Ourense, un dos dous destinos Starlight cos que conta Galicia. Organizarase durante tres fins de semana e combinarán observación astronómica, música folk, relatorios…

Máis de 300 proxectos en toda GaliciaA iniciativa O teu Xacobeo promovida polo Goberno galego acolle unha ampla oferta de actividades para estender por toda Galicia os valores do vindeiro Xacobeo 21. O programa conta cun investimento de 4,7 millóns de euros para poñer en marcha 352 proxectos espallados por toda Galicia e deseñados por concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas galegas, convidando deste xeito á participación de toda a cidadanía e a descentralización da programación do próximo Ano Santo.

As actividades incluídas na programación de O teu Xacobeo abarcan temáticas como a difusión da cultura, o patrimonio, a gastronomía, o deporte e a arte de Galicia coa vista posta na promoción do Xacobeo 2021. Neste caso, as accións enfocadas cara ás actividades de astronomía pretenden promover o turismo astronómico e científico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre