Inicio Galicia O terceiro 'Climathon Galicia' reúne a máis dun cento de persoas co...

O terceiro 'Climathon Galicia' reúne a máis dun cento de persoas co reto de mellorar a comunicación sobre o cambio climático

0

Trátase do maior movemento participativo do mundo sobre quecemento global


Máis dun cento de persoas participan hoxe no Centro de Estudos Avanzados de Santiago no Climathon Galicia 2019, un maratón de 12 horas organizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no que todos os asistentes traballarán en equipo para buscar en clave galega ideas innovadoras e consensuadas na loita contra o cambio climático. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, asistiu a esta xornada, participando activamente nalgunha das principais actividades previstas, que inclúen talleres, charlas e foros de debate.

Este é o terceiro ano consecutivo no que a Xunta se suma ao Climathon, o maior movemento participativo a nivel mundial promovido co fin de buscar e propoñer solucións ao fenómeno do quecemento global. Na edición deste ano, 120 cidades pertencentes a máis de 50 países de todos os continentes teñen confirmada a súa participación simultánea nun evento que conta co apoio da Organización das Nacións Unidas e da Unión Europea.

Baixo o lema Cambiemos nós e non o clima, o programa do Climathon Galicia 2019 buscará fomentar o intercambio de ideas para cumprir coas metas fixadas a medio prazo en materia de cambio climático, e tamén cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable –os chamados ODS- da Axenda 2030 de Nacións Unidas. Concretamente, desde a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático déuselle nesta edición unha especial relevancia ao ODS número 13, centrado na Acción polo Clima, e ao obxectivo 17, relacionado coa formación de alianzas para acadar os obxectivos.

Para facilitar a procura de ideas innovadoras que catalicen un cambio no comportamento da sociedade, os participantes contarán co asesoramento de expertos na materia ao longo de toda a xornada, así como de talleres en grupo, charlas e debates con expertos invitados.

Neste sentido, o programa deste ano céntrase en abordar o cambio climático desde o punto de vista da comunicación, para estudar e analizar que se pode facer para mellorar o xeito no que se lle está a transmitir á sociedade o alcance e tamén o camiño a seguir para tratar de solucionar este problema. Así, o foro de debate central da xornada xirou arredor do tema Como comunicamos o cambio climático? e contou coa participación de profesionais relevantes do sector, como a directora de comunicación de Signus, Isabel López-Rivadulla, o xornalista científico galego, Xavier Fonseca, ou o representante do movemento xuvenil Fridays for Future en Santiago, Kai Lois Baltrusch.

Precisamente, a presenza dunha ampla representación do asociacionismo xuvenil vencellado ao cambio climático marcou especialmente esta terceira edición do Climathon en Galicia. Así mesmo, a maioría dos máis de 100 asistentes –unha cifra que superou o aforo inicialmente previsto- eran estudantes de máster, doctorando e personal docente e investigador das tres universidades galegas.

Ao igual que na edición do ano pasado, o evento tamén inclúe a celebración dun Diálogo de Talanoa entre todos os asistentes. Trátase dunha iniciativa impulsada durante a conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático en Bonn a finais do 2017 (COP 23), sendo o seu obxectivo xerar un diálogo inclusivo, participativo e transparente, compartir historias, construír empatía e tomar decisións para o ben común. O método Talanoa crea un espazo proclive ao intercambio de ideas e á toma de decisións colectivas para cumprir os obxectivos do Acordo de París sobre cambio climático.

Unha iniciativa xurdida en 2015Cómpre lembrar que o movemento Climathon naceu no ano 2015 como unha iniciativa lanzada polo EIT Climate-KIC, a comunidade europea de Innovación e Coñecemento (Knowledge Innovation Commnunity -KIC-) co apoio do Instituto Europeo de Tecnoloxía, órgano da Unión Europea que traballa para acelerar a transición para unha economía libre de emisións de carbono.

O seu obxectivo inicial foi xerar un diálogo participativo a nivel internacional que permitira compartir historias, construír empatía e tomar decisións para o ben común con relación ao cambio climático. Desde aquela primeira edición, este evento logra reunir simultaneamente cada ano a un número cada vez maior de cidades e países de todos os continentes, unidos pola preocupación común polo cambio climático.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre