Inicio Galicia O tempo medio de resolución da Risga redúcese en 93 días durante...

O tempo medio de resolución da Risga redúcese en 93 días durante os últimos seis anos

0

No ano 2019 os expedientes foron resoltos nun tempo medio de 62 días fronte aos 155 do 2013


O tempo medio de agarda para a resolución das solicitudes de percepción da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) reduciuse en 93 días durante os últimos seis anos. No 2019, os técnicos da Consellería de Política Social resolveron os expedientes en 62 días de media en toda Galicia, unha cifra que contrasta cos 155 días de agarda do ano 2013 e que tamén se reduce con respecto ao exercicio 2018, cando se situaba nos 72 días de media.

A este aumento na axilización da tramitación súmase á entrada en vigor do decreto da Risga, que permite solicitala a aquelas persoas que non estean en situación de desemprego. Por este motivo, incrementouse o número de solicitudes no último ano pasando de 5808 no ano 2018 a 6103 no 2019, isto son 295 máis.

Cómpre recordar que se crearon dous novos tramos, que se sumaron ao persoal e familiar. Estes son o de transición ao emprego e o de inserción. O primeiro é un incentivo que se concede ás persoas perceptoras que atopen un traballo. Así, durante o primeiro mes poden cobrar, sumando o salario máis o tramo de transición, ata un 135% do salario mínimo interprofesional. Esta contía irá descendendo progresivamente, ata deixar de percibir a axuda ao finalizar o semestre.

Pola súa banda, o tramo de inserción consiste nun complemento do 35% do Iprem (188 euros) durante un máximo de doce meses, prorrogable por outros seis. Poden acceder a este tramo de inserción as persoas que superen un diagnóstico de empregabilidade, as cales deberán subscribir un convenio de inclusión sociolaboral no que se comprometan, por exemplo, a mellorar a súa formación ou facer prácticas laborais non remuneradas.

Diminúe o número de perceptoresO obxectivo prioritario desta prestación é que as persoas que a perciben poidan acceder canto antes ao mercado laboral. Por este motivo, outro dos datos positivos do 2019 foi a diminución no número de persoas beneficiarias que no 2019 se situaba en 9784, fronte aos 10.163 do 2018, é dicir, 379 menos. A mellora nos datos do emprego permite que cada vez menos persoas dependan desta prestación, de maneira que, xa antes da entrada en vigor do decreto da Risga, comezábase a observar unha tendencia á baixa no número de perceptores. O Goberno galego investiu durante o 2019 máis de 53 millóns de euros nesta prestación destinada ás galegas e galegos que peor o están a pasar.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre