Inicio Galicia O tempo medio de espera cirúrxica no Sergas rexistra, con 54,5 días,...

O tempo medio de espera cirúrxica no Sergas rexistra, con 54,5 días, o mellor dato acadado na súa historia

0

No que atinxe ao tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade, sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica, 41,5 días de espera media, 3,3 días menos que o ano anterior


O tempo medio de espera cirúrxica global do Servizo Galego de Saúde, a decembro de 2019, foi de 54,5 días, o que supón 7,1 días menos que no 2018 (61,6 días). Este dato sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica en Galicia.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, presentou esta mañá o balance de tempo medio de espera do Sergas referido a 31 de decembro de 2019. Destacou que, con estes datos, Galicia continúa a manterse entre os mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde, unha tendencia que se xa vén manifestando nos últimos anos.

Fernández-Campa agradeceu a colaboración e a implicación de todas e todos os profesionais das distintas especialidades e as diversas categorías, imprescindibles para poder conseguir as metas establecidas e, sen os cales, non se terían acadado estes resultados.

Con respecto á espera por prioridades a decembro de 2019, en pacientes de prioridade 1 o tempo medio é de 16,7 días (2,7 días menos que en decembro de 2018). Este dato permite continuar por baixo do obxectivo fixado de menos de 30 días e garantir o compromiso de atender estas patoloxías máis graves no menor tempo posible, case na metade do obxectivo previsto. En prioridade 2, a espera media foi de 55,1 días (8,6 días menos).

O xerente do Sergas destacou que 45.472 persoas beneficiáronse este ano da garantía establecida coa entrada en vigor do decreto de tempos máximos para 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas ou terapéuticas e sete vías rápidas, e un total de 89.022 persoas dende a entrada en vigor do decreto, en xaneiro de 2018. Todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Servizo Galego de Saúde e ningún tivo que ser derivado aos centros concertados. O decreto de tempos máximos de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de dous meses fixa unha espera de 60 días naturais para intervencións cirúrxicas. O texto normativo tamén fixa un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e 45 días para as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas.

Consultas e probas diagnósticasO tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade consolídase por baixo dos 50 días e sitúase, tamén, como a cifra máis baixa de toda a serie histórica do Sergas. En concreto, está nos 41,5 días de espera media, rebaixando en máis de 3 días os datos de decembro de 2018 (44,8, dias). Nas especialidades, destacar que oncoloxía médica e radioterapia son, precisamente, as que presentan os menores tempos de espera (7,1 días en oncoloxía e 9,3 en radioterapia), como consecuencia das vías rápidas e o decreto de garantías.

Con respecto das vías rápidas, 17.756 pacientes beneficiáronse deste procedemento cun tempo medio de resposta de 7,7 días a decembro de 2019. As vías rápidas permiten cumprir o compromiso de atender a pacientes con sospeita de patoloxía grave nun tempo inferior a 15 días dende a derivación do médico de cabeceira ao especialista. Actuamente, este procedemento está implantado en todos os hospitais do Sergas para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringoloxico (cabeza e colo) e melanoma.

O tempo medio de espera para as probas diagnósticas tamén se sitúa como a cifra máis baixa de toda a serie histórica do Sergas. A decembro de 2019 o tempo medio de espera para as probas diagnósticas foi de 65,5 días, rebaixando en máis de catro días o dato do ano anterior (69,8). No que se refire ás probas máis realizadas -que son as de radioloxía convencional, radioloxía de mama, as ecografías e o TAC e representan o 67% do total das probas- teñen unha espera media de 59,9 días.

Os indicadores xerais de listas de espera nos hospitais do Servizo Galego de Saúde pódense atopar, detallados, na páxina web do Sergas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre