Inicio Galicia O Sergas solicita ao Concello de Vigo licencia municipal de obras para...

O Sergas solicita ao Concello de Vigo licencia municipal de obras para a construción do novo centro de saúde de Bouzas

0

A futura infraestrutura, á que se destinarán máis de 900.000 euros, edificarase sobre unha superficie de 546 metros cadrados e disporá dunha capacidade para atender a entre 9.000 e 10.000 tarxetas sanitarias deste núcleo urbano

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) remitiu esta semana ao Concello de Vigo o proxecto básico de construción do novo centro de saúde de Bouzas e a solicitude da licencia municipal para iniciar as obras.

Na comunicación advírtese ao goberno local a inminente contratación das obras, que sairán a licitación por un importe de 902.026,71 euros, co obxectivo de que se le dea a maior axilidade posible. A Xunta cumpre así cos compromisos adquiridos cos veciños aos que o pasado mes de xullo lles presentaban ao detalle o correspondente plan funcional. Precisamente, nesta última mesa de traballo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reiterou a aposta do Goberno galego por un sistema sanitario máis próximo, áxil, moderno e eficiente.

Cunha capacidade para atender a entre 9.000 e 10.000 tarxetas sanitarias deste importante núcleo urbano, a infraestrutura edificarase sobre unha superficie de 546 metros cadrados. O novo edificio, de planta baixa e primeiro andar, respecta a normativa de edificación do casco histórico.

Leer más:  Luisa Villalta, una creadora total: poeta exigente pero pasional y una mujer inquebrantablemente comprometida

Desde o 2009 o Executivo autonómico investiu máis de 66 millóns de euros en construír, ampliar ou mellorar este tipo de infraestruturas. Así, no marco deste compromiso coa atención primaria, Galicia contará con 24 centros de saúde novos ou renovados nesta lexislatura, dos cales cinco- Barbadás, Pontedeva, Culleredo, A Capela e Ares- xa están en funcionamento.

Dos restantes, preto da metade están xa en marcha ou en fase de licitación: xa en construción os de Gondomar, O Milladoiro (Ames), A Laracha, A Estrada e A Illa de Arousa; en fase de licitación os de Narón, Paderne de Allariz, Salceda de Caselas e Pereiro de Aguiar; en redacción os proxectos dos de Melide, Bouzas (Vigo) e do centro integral de saúde do Barrio da Residencia de Lugo; pendentes de licitación os do Saviñao e Pazos de Borbén; e pendentes de recibir a cesión dos terreos para os centros de saúde de Caldas de Reis, Lalín, Moaña, Cangas e Santa Lucía, na Coruña. 


- Te recomendamos -