Inicio Galicia O Sergas mantén o seu compromiso de ampliar o Servizo de Hemodinámica...

O Sergas mantén o seu compromiso de ampliar o Servizo de Hemodinámica do CHUO ata as 22 horas

0

A mortalidade en Galicia por infarto agudo de miocardio é un 2,4%, inferior ao estándar de calidade do 5% establecido pola Sociedade Española de Cardioloxía

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) mantén o seu compromiso de ampliar o horario do Servizo de Hemodinámica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ata as 22 horas para diminuír os tempos de atención no infarto agudo de miorcardio entre o diagnóstico e a apertura da arteria responsable do infarto, tal e como se fixo coa unidade de hemodinámica do HULA que está xa a pleno rendemento. Así o manifestou hoxe no Parlamento o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, en resposta a unha pregunta parlamentaria.

Neste senso, Aboal Viñas subliñou que se está rematando o informe que establecerá o xeito desta ampliación horaria dende a comisión establecida entre as Xerencias das Áreas Sanitarias de Vigo e Ourense.

A ampliación do horario da salas de hemodinámica de Ourense e de Lugo forma parte dun paquete de propostas nas que o Sergas está a traballar co obxectivo de mellorar os tempos de atención no Infarto Agudo de Miocardio (IAM) en Galicia, en base ás recomendacións propostas pola Comisión de seguimento do Rexistro galego de infarto agudo de miocardio. Tamén se levará a cabo unha monitorización continua dos resultados ata conseguir a redución do tempo entre o diagnóstico e a apertura da arteria responsable do infarto. Estes datos serán avaliados dentro da propia comisión de Seguimento do Regaliam.

Durante a súa intervención, o director xeral de Asistencia Sanitaria destacou que os datos analizados pola devandita comisión sobre os 25 meses de funcionamento do Rexistro galego de infarto de miocardio (Regaliam), son positivos en canto á baixa mortalidade, que é o principal indicador, e mellorables en canto aos tempos de reperfusión (é dicir, tempo que transcorre dende o primeiro contacto médico ata a apertura da arteria responsable do infarto). En Galicia máis 97,6% das persoas con infarto agudo de miocardio, sobreviven; “isto supón que os datos de mortalidade en Galicia dende o rexistro Regaliam son dun 2,4%, menos da metade da procentaxe que propón como óptimo a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC), inferior ao 5%”, subliñou.

Aboal Viñas mantén que os datos evidencian que ningunha das áreas sanitarias supera este estándar de mortalidade, polo que considera que a cidadanía galega “sí ten as mesmas oportunidades de acceder en igualdade de condicións aos servizos cardiolóxicos para a atención ao infarto agudo de miocardio”.

Dende xuño de 2015 ata xullo de 2017 en Galicia se rexistraron un total de 2.352 infartos, dos que 271 se produciron na provincia de Ourense, o que supón o 11,5% do total. É dicir, que por cada 10 infartos ocorridos en toda Galicia só un sucede na provincia ourensá.

Ademais de ampliar as salas de hemodinámica de Ourense e Lugo, outras das medidas nas que está a traballar o Sergas para diminuír os tempos transcorridos entre o infarto agudo de miocardio e a súa atención no lugar máis adecuado, en base as recomendacións da Comisión de Seguimento do Regaliam, é realizar unha campaña informativa para a poboación para aumentar o coñecemento e identificación dos síntomas de infarto agudo de miorcardio. Tamén se incidirá en que a vía de acceso prioritaria en caso dunha sospeita é chamar ao 061.

Revisar os isocronas do 061 para o traslado dos pacientes aos centros máis próximos con capacidade para realizar unha anxioplastia primaria; estudar a necesidade de incremento dos recursos de soporte vital avanzado (USVA) ao obxecto de reducir os tempos de isquemia cos medios necesarios para asumir a atención extrahospitalaria e o transporte interhospitalario e analizar os tempos e as medidas para mellorar o tempo entre a entrada no hospital e a apertura de arteria, son outras das medidas nas que se está a traballar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre