Inicio Galicia O Sergas licita o proxecto de reforma e ampliación do centro de...

O Sergas licita o proxecto de reforma e ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén por preto de 150.000 euros

0

Grazas á ampliación, a superficie útil pasa a ser dos 112 metros cadrados actuais a preto de 190, un 70% máis

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2018.- O Servizo Galego de Saúde saca hoxe a licitación o proxecto de reforma e ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén (Pontevedra), cun investo de 148.650 euros.

A reforma dotará ao centro de saúde dos espazos necesarios para un mellora da atención, tales como unha sala polivalente, unha nova sala de espera para pacientes pediátricos, a adaptación dos espazos e consultas existentes á normativa vixente, dotándoas de comunicación interior entre elas, e a obtención de espazos de servizos e almacéns, entre outras dependencias. Deste xeito, a superficie útil actual de 112 metros cadrados pasará a ser de preto de 190, o que supón un 70% máis.

Unha vez concluídos os traballos previstos, o edificio contará cos seguintes espazos: consulta de medicina xeral, sala de enfermería, sala polivalente, consulta de pediatría-matrona, sala de espera pediátrica, almacén, vestiario e aseos, así como unha rampa accesible dende o exterior ata a zona de entrada da edificación.

Para todo o anterior, e con vistas a mellorar as condicións do centro e dar resposta ás esixencias de accesibilidade da veciñanza, plantéxase unha reestruturación do conxunto, que facilite a diferenciación de zonas segundo o uso, e dote dos espazos principais e accesorios que garantan o bo funcionamento.

A nova edificación resultante respecta as características da edificación orixinal, acadando unha imaxe unitaria do conxunto mediante a conservación das fachadas e a reforma e unificación da cuberta.

As empresas interesadas en participar deberán presentar as súas ofertas, en sobre pechado no Rexistro Xeral da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde. O prazo máximo para que os licitadores poidan presentar as súas proposicións rematará o vindeiro 31 de outubro, ás 14:00 horas. Os pregos do concurso público poden consultarse na plataforma de contratos públicos de Galicia, a través do seguinte enlace: https://extranet.sergas.es/cadmoweb/Cadmo_Web/DetalleContratacion.aspx?IdPaxina=70003&seccion=0&IdExpediente=71301. 

No hay comentarios