Inicio Galicia O Sergas convoca 1.057 prazas para o acceso como persoal estatutario fixo...

O Sergas convoca 1.057 prazas para o acceso como persoal estatutario fixo de diversas categorías sanitarias e de xestión e servizos

0

Delas, 416 son para facultativo especialista de área, 2 para médico de admisión e documentación clínica, 3 para médico asistencial do 061 e 69 para médico de urxencias hospitalarias


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica nas súas edicións de hoxe e mañá a convocatoria de 1.057 prazas para diversas categorías sanitarias e de xestión e servizos do Servizo Galego de Saúde.

No DOG de hoxe aparecen as convocatorias de concurso-oposición para o ingreso nas categorías de cociñeiro, logopeda, pinche, técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía, técnico de farmacia, técnico superior de hixiene bucodental, técnico superior de imaxe para o diagnóstico, técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico, técnico superior de radioterapia e terapeuta ocupacional.

Mañá publicarase tamén a convocatoria dos procesos selectivos para o acceso ás categorías de médico de admisión e documentación clínica, médico asistencial do 061, médico de urxencias hospitalarias e facultativo especialista de área. No referente a esta última categoría as prazas convocadas son para as especialidades de alergoloxía, análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía torácica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, medicina do traballo, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría.

O número de prazas ofertadas é de 416 para a categoría de facultativo especialista de área, 2 para médico de admisión e documentación clínica, 3 para médico asistencial do 061 e 69 para médico de urxencias hospitalarias. Ademáis haberá 305 para técnicos sanitarios de formación profesional, 4 para logopeda, 5 para terapeuta ocupacional, 229 para pinche e 24 prazas de cociñeiro.

O formulario de inscrición estará dispoñible a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, no sistema informático FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE. As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución de convocatoria.

Como novidade neste proceso, facilítase a opción de verificar certos requisitos de participación a través da plataforma de interoperabilidade da Xunta de Galicia (PasaXe!). Isto implica que os aspirantes que non se opoñan no formulario de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de interoperabilidade non terán a obriga de achegar documentación acreditativa como o DNI ou NIE, o certificado de discapacidade ou o certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O mesmo sucede coa certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non percibir no momento actual prestación ou subsidio por desemprego en calquera parte do territorio nacional. Fóra destes supostos e no caso de opoñerse á consulta, os aspirantes deberán achegar a documentación acreditativa dos requisitos tal e como se viña facendo habitualmente. A comprobación do requisito realizarase de xeito automático no momento de confirmar a inscrición e poderá confirmarse con posterioridade polo órgano convocante.

Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e as persoas interesadas deberán rexistralos debidamente no seu expediente profesional electrónico e acreditalos documentalmente na forma e prazos indicados na convocatoria.

Nesta convocatoria habilitouse a opción de presentación da instancia de participación no proceso electronicamente, mediante a súa sinatura con certificado dixital ou DNI electrónico.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de xaneiro do ano 2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre