Inicio Galicia O Sergas asina os convenios de colaboración destinados a programas de asistencia...

O Sergas asina os convenios de colaboración destinados a programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos e que supoñen un investimento de 6,4 millóns de euros

0

Durante o pasado ano 2019, estes programas beneficiaron a máis de 8.000 pacientes


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou hoxe pola mañá, no Edificio Administrativo de San Lázaro, os convenios de colaboración entre o Sergas e diferentes asociacións sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos, por un importe de 6.482.993 euros. O Executivo galego destina en 2020 un total de 589.363 euros máis a estes convenios que o pasado ano 2019, é dicir, un 10% máis para cada unha das entidades. Durante o pasado ano, foron atendidas ao abeiro destes convenios máis de 8.000 persoas.

No desenvolvemento destes programas, as asociacións atenderán toda a demanda xerada, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade na súa respectiva área de influencia. En definitiva, realizarán a atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Sergas.

As entidades realizarán os programas previstos no proxecto do novo Plan de Trastornos Adictivos de Galicia, entre as que atopan, como medidas, a mellora na atención a persoas que padecen simultaneamente un trastorno adictivo e outro trastorno mental (patoloxía dual) e a atención de terceiro nivel (en réxime residencial) que se presta na comunidade terapéutica. Asemade, tamén se contempla a mellora na coordinación cos dispositivos da rede de saúde mental e atención primaria e a atención a novas condutas de atención clínica.

Entidades destinatariasAs entidades destinatarias das axudas son a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga ACLAD, que recibe 1.675.458 euros; a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), con 928.435 euros; a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada de Vigo, con 1.491.986; a Asociación Unidade de Tratamento do Alcol e Condutas Adictivas (UTACA), con 192.693; a Asociación As Burgas, para o tratamento e rehabilitación do enfermo alcohólico, con 168.253; a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, con 108.184; e a Asociación Viguesa de Alcoholoxía (ASVIDAL), para o desenvolvemento da asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias adictivas, con 198.708 euros.

Outras tres asociacións destinatarias destas axudas realizarán a atención integral dos pacientes con trastornos aditivos e dos nenos e mozos con problemas de saúde mental, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade. Dúas delas, a Fundación Monte do Gozo e a Asociación Cruz Vermella de Lugo, traballan no desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos aditivos derivados do uso das drogas. A terceira, a Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais (Aspaneps), traballa na promoción, tratamento e rehabilitación en saúde mental infanto xuvenil.

A Fundación Monte do Gozo e o Sergas establecen un convenio de colaboración, no que o departamento sanitario vai destinar un importe de 946.589 euros para o desenvolvemento dos seus programas, que son levados a cabo no ámbito territorial de toda Galicia. A través do convenio de colaboración co Sergas, Cruz Vermella de Lugo recibirá 617.400 euros para realizar a atención integral aos pacientes con trastornos aditivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Sergas.

Tanto nos programas levados a cabo por Cruz Vermella de Lugo como pola Fundación Monte do Gozo, teranse en conta os aspectos necesarios para dar resposta ás necesidades dos colectivos máis vulnerables, atendendo á perspectiva de xénero, ás necesidades específicas das mulleres que padecen este tipo de patoloxías, e darase unha resposta máis completa ás necesidades das persoas que padecen patoloxía dual.

O Sergas establece tamén un convenio de colaboración coa Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais (Aspaneps) para a realización do programa denominado Atención e enlace para a promoción, tratamento e rehabilitación en saúde mental infanto-xuvenil na Área de Xestión Integrada de Ferrol. A dotación económica deste convenio é de 155.287 euros. Con esta actuación, o Sergas busca ofrecer unha atención aos colectivos de maior vulnerabilidade, como é o caso dos menores con problemas de saúde mental infanto xuvenil e ofrecer apoio aos seus proxenitores, a través dos programas psicoeducativos e preventivos.

O obxectivo xeral do programa é apoiar, orientar, e asesoras a menores que teñen dificultades que poñen en risco o seu benestar persoal e a súa integración social, así como a s súas familias e a outros axentes sociais. Isto se consigue a través de estratexias de promoción, prevención, asistencia psicosocial e rehabilitación que garantan unha saúde mental integral.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre