Inicio Galicia O Sergas arranca este luns a vacinación ampliada fronte a catro serogrupos...

O Sergas arranca este luns a vacinación ampliada fronte a catro serogrupos da meninxite

0

O Servizo Galego de Saúde reforza a inmunización dos 12 anos engadindo á vacina da meninxite C protección fronte aos meningococos A, W e Y

A vacina da meninxite que se administra dentro do calendario de vacinación infantil aos 12 anos e que ata o de agora ofrecía cobertura fronte a meningococo C será relevada desde este luns por un preparado ampliado, que protexe tamén fronte aos serogrupos A, W e Y. A actualización do programa vacinal adoptada polo Sergas busca anticipar a prevención das infeccións causadas polo menigococo Y e W, á vista do aumento da súa incidencia observado en países da contorna como Reino Unido e Holanda. A introdución da vacina tetravalente foi aprobada polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de acordo coas recomendacións da Ponencia de Vacinas.

Ao tempo que se instaura a inmunización aos 12 anos coa nova vacina tetravalente, o Sergas activará un programa extraordinario para facer chegar a protección adicional aos adolescentes que xa foron vacinados no seu tempo fronte ao meningococo C. Os nados en 2007 que este ano cumpriron os doce anos e veñen por tanto de recibir a vacina do serogrupo C poderán vacinarse fronte aos tres restantes sempre que se deixe pasar un mes desde a administración da vacina monovalente. Este mesmo ano procederase tamén á recaptación dos adolescentes nados en 2001 e en 2020 e 2021 será o turno, respectivamente, dos nados en 2002 e 2003 e en 2004, 2005 e 2006. En todo momento estará dispoñible a vacinación para os rapaces de cohortes anteriores que poidan ir quedando atrás, e en 2022 terase completado a recuperación de toda a poboación obxectivo.

Coa vacinación tetravalente en adolescentes preténdese inmunizar ao principal grupo poboacional involucrado no transporte e transmisión do meningococo, acadando protección adicional fronte aos serogrupos W, Y e A, ao tempo que se mantén a xa consolidada no calendario vacinal fronte ao meningococo C. A inmunización deste grupo obxectivo persegue ademais unha vantaxe comunitaria, en forma dunha crecente protección colectiva por efecto da interrupción da circulación da bacteria e da redución do seu principal reservorio.

A enfermidade meningocócica invasiva preséntase fundamentalmente en poboación infantil, orixina importantes secuelas e ten unha alta letalidade. O serogrupo W comezou a detectarse na comunidade en 2017 e na última tempada acadou unha incidencia de 0,11 casos por 100.000 habitantes, igualando as taxas do meningococo C. En canto ao serogrupo Y, só se detectaron casos durante a tempada 2017-2018, permanecendo a súa incidencia a cero no resto das campañas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre