Inicio Galicia O Sergas activará o número 881 00 20 21 de atención para...

O Sergas activará o número 881 00 20 21 de atención para as persoas que visiten Galicia e presenten sintomatoloxía covid-19 durante a súa estancia

0

A Xunta extrema as medidas de detección precoz da covid-19 ante a apertura das fronteiras


A Consellería de Sanidade activará mañá luns, 22 de xuño, un novo teléfono específico para atender a todas aquelas persoas que visiten Galicia nos vindeiros meses e evidencien sintomatoloxía covid-19 durante a súa estadía na comunidade.

A nova medida establecida pola Xunta de Galicia ten por obxecto extremar o diagnóstico precoz no territorio galego, ante a apertura das fronteiras, adiantada polo Goberno central, e a ausencia de limitacións na mobilidade das persoas.

Nesta mesma liña, a medida pretende facilitar que calquera persoa que visite Galicia nas vindeiras datas, e presente síntomas, poida contactar dun xeito sinxelo cos profesionais do Servizo Galego de Saúde e que estes podan decidir dun xeito áxil tanto á realización das probas de detección da covid-19 que consideren necesarias, como o seu tratamento, no caso de ser preciso.

Neste senso, no caso de que unha persoa que visite Galicia perciba algún dos síntomas propios da covid-19, esta poderá chamar ao novo número de atención 881 00 20 21 activado polo Servizo Galego de Saúde e, desde o mesmo, recibir toda a información que precise en cada momento.

Cómpre subliñar que, aínda que a persoa que presente sintomatoloxía covid-19 non dispoña da tarxeta sanitaria galega, o Sergas asignaralle unha cita cun profesional sanitario que, tras unha consulta telefónica inicial, poderá determinar o que proceda e, no seu caso, solicitar a proba diagnóstica que considere precisa.

No caso de que o resultado da proba sexa negativo, simplemente se lle informaría do seu resultado e lembraranse o conxunto de recomendacións hixiénico-sanitarias que ten establecidas a Xunta de Galicia. Non obstante, de confirmarse un caso positivo, o profesional sanitario continuará co proceso establecido, ademais de activarse, de ser posible, o sistema de seguimento domiciliario TELEA.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre