Inicio Galicia O Sergas acorda coas organizacións sindicais a desconvocatoria da folga dos Puntos...

O Sergas acorda coas organizacións sindicais a desconvocatoria da folga dos Puntos de Atención Continuada

0

Aínda que o Sergas xa tiña aceptado a inmensa maioría das reivindicacións plantexadas, no acordo de hoxe introdúcense novas melloras

O Servizo Galego de Saúde, as organizacións sindicais CIG, CESM, O’Mega, CCOO, UGT e CSIF e os representantes do Comité de folga asinaron hoxe un acordo polo que se procede á desconvocatoria da folga nos Puntos de Atención Continuada (PACs).

Aínda que o Sergas xa tiña aceptado a inmensa maioría das reivindicacións plantexadas, no acordo asinado hoxe destaca unha nova distribución na porcentaxe do incremento retributivo pola realización de noites e festivos. Neste senso acordouse que dito incremento distribuirase nunha porcentaxe do 80% no ano 2020 e do 20% no 2021, de tal xeito que a contía por este complemento retributivo pase a percibirse no 100% a partires do ano 2021.

Acordouse abonar igualmente dúas dietas de manutención en domingos e festivos e tamén cando o servizo sexa de 24 horas. Esta medida, que mellora a petición inicial dos traballadores dos PACs, xa estaba incluída noutras propostas trasladadas polo Sergas aos sindicatos e ao comité de folga no transcurso das distintas negociacións que mantiveron as partes.

Outras das medidas que forman parte do acordo asinado hoxe é a dotación neste mesmo ano, de equipos de protección individual (EPIs) cunha imaxe corporativa única, tanto no PAC como nas saídas á vía pública (calzado de seguridade, pantalóns, parkas, cascos…) para cada profesional, incluíndo unha dotación dispoñible en cada PAC. Tamén dotarase a cada traballador do número de uniformes necesarios, de tal xeito que se garanta a existencia dun uniforme limpo mentres roten polo circuíto de recollida-lavado e hixienización-distribución de roupa.

O documento asinado hoxe tamén recolle unha maior participación do profesional na fixación de obxectivos do servizo e elimínase o indicador actual de derivación hospitalaria como obxectivo do servizo vinculado á produtividade por outros que serán consensuados cos profesionais do PACs.

En relación á dotación de persoal, o Sergas comprométese a facer un estudo no ano en curso do aumento de carga asistencial, tendo en conta así mesmo, a distancia ao hospital para desprazamentos co persoal do PAC, a dispersión, o número de mobilizacións polo 061 e a distribución etaria. E, en base a isto, crear as prazas necesario ao obxecto de dar unha adecuada asistencia de calidade nos PACs.

Así mesmo, neste apartado, a administración sanitaria tamén se comprométese a reforzar os dispositivos de urxencias de atención primaria nos casos de eventos especiais (festas, eventos deportivos, no verán en zonas turísticas…) cos médicos de familia e persoal de enfermería necesarios.

No tocante aos equipos completos, que supoñen outros dos puntos do acordo, o Sergas comprométese a facer un estudo este mesmo ano para solventar o déficit de persoal de enfermería, priorizando inicialmente naqueles PACs onde exista un único efectivo de enfermería habendo dous ou máis médicos.

A Administración sanitaria tamén comprométese á revisión anual dos plans funcionais.

O último dos puntos deste acordo é convocar no último semestre deste ano a Comisión de seguimento sobre ordenación e condicións de traballo do persoal médico e de enfermería dos PACs para tratar as cuestións que se poidan suscitar na interpretación e execución do cómputo de xornada.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre