Inicio Galicia O Sergas achegará á Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue...

O Sergas achegará á Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue 58.200 euros para a promoción da hemodoazón

0

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da federación, Manuel Fonseca Gómez, asinaron un convenio de colaboración


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, veñen de asinar esta mañá un convenio de colaboración para a promoción da doazón de sangue. En base ao documento, a devandita federación levará a cabo o desenvolvemento de programas de promoción da hemodoazón, en coordinación co departamento autonómico sanitario, a través da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Para levar a cabo esta iniciativa, o Sergas achegarlle á federación unha contía de 58.200 euros.

Tanto o Sergas como a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue consideran de particular importancia, e de interese público, o establecemento de actuacións conxuntas en materia de difusión de información na comunidade galega para acadar o fin común, que é a promoción da doazón de sangue. De aí que consideren necesario o establecemento dunha liña de actuación e colaboración para acadar un mellor funcionamento dos servizos sanitarios e unha mellora na saúde da poboación.

Segundo o convenio, a federación comprométese a cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación establecidas polo Sergas, así como a fomentar a doazón de sangue por toda a xeografía galega a través de distintos medios (charlas, carteis, dípticos, trípticos…) e a informar á cidadanía sobre a importancia de colaborar solidariamente na cobertura das necesidades de sangue e hemoderivados nos centros sanitarios galegos.

A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa ás distintas irmandades galegas que teñen como finalidade, entre outras, a promoción da hemodoazón en Galicia, baixo a coordinación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Para acadar niveis óptimos de hemodoazón, as irmandades que compoñen a federación participan en campañas de radio e televisión, reparten trípticos e carteis, percorren concellos contactando directamente coas persoas, promoven charlas e atenden todos os requirimentos dos doadores nas súas oficinas, tanto persoal como telefonicamente.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre