Inicio Galicia O sector turístico galego pode solicitar ata o 31 de agosto as...

O sector turístico galego pode solicitar ata o 31 de agosto as axudas da Xunta para a certificación da marca Q de calidade

0

Na súa aposta pola excelencia, Turismo de Galicia vén de convocar as subvencións que axudarán nos procesos de certificación, seguimento e renovación deste distintivo do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE)


Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2018.- O sector turístico galego pode solicitar xa as axudas para a certificación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), convocadas por Turismo de Galicia e ás que poderán concorrer establecementos de turismo rural e hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos, axencias de viaxes, cafeterías, bares, restaurantes e empresas de servizos complementarios.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e estenderase ata o 31 de agosto. Considéranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE, correspondentes ao ano 2018 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2018.

En concreto, serán subvencionables os custes de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE e tamén os custes derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2018, unha vez conseguida a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento. As bases completas da convocatoria pódense consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a presentación de solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Leer más:  Prisión para el hombre detenido por incendiar varios coches en una empresa de alquiler de vehículos en Santiago

Na súa aposta pola excelencia, Turismo de Galicia convoca estas axudas avanzando así en dúas direccións: na consolidación dun destino cada vez máis competitivo e no interese por ofrecer aos viaxeiros o mellor servizo posible como parte da vontade dos galegos por brindar sempre a mellor acollida aos que visitan a Comunidade galega.

Galicia pechou 2017 converténdose na autonomía con máis distincións especialmente en eidos estratéxicos. En concreto, seis de cada dez instalacións náutico deportivas con Q de Calidade en España están en Galicia. No turismo rural, a metade dos establecementos de hospedaxe recoñecidos son galegos. O mesmo sucede cos servizos e infraestruturas de turismo industrial (46%), do turismo activo (37,5%) e cos balnearios (23%).


- Te recomendamos -