Inicio Galicia O sector agroalimentario xera en Galicia máis de 103.000 postos de traballo,...

O sector agroalimentario xera en Galicia máis de 103.000 postos de traballo, segundo un estudo do IGE publicado hoxe

0

O sector achega o 6,9% do Produto Interior Bruto da economía galega e supón o 9,3% do traballo total


O sector agroalimentario xera en Galicia un total de 103.521 postos de traballo, o que supón un 9,3% do traballo total, e achega un 6,9% do Produto Interior Bruto (PIB) da economía autonómica (4.126 millóns de euros), segundo un estudo sobre a actividade publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e elaborado a partir de datos de 2017.

As actividades primarias son as que predominan, especialmente en termos de emprego, xa que o 69,4% dos postos de traballo do sector proveñen das mesmas. A rama con máis xeración de valor e con máis postos de traballo creados é a ‘Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas’. Séguelle en importancia a ‘Pesca’ e a ‘Industria de procesamento e conservación de peixes, crustáceos e moluscos’.

O sector medrou menos que o total da economía na fase expansiva, con taxas positivas nos anos de recesión económica e creceu lixeiramente por riba da media da economía galega nos anos máis recentes. Na comparativa co sector en España, Galicia destaca pola súa especialización no subsector primario e concretamente na pesca e na acuicultura, ramas nas que máis do 40% do Valor Engadido Bruto (VEB) xerado no Estado provén da comunidade autónoma. No que vai de século o sector gañou peso no conxunto estatal.

Forte orientación exportadora e saldo superavitarioA actividade agroalimentaria está presente en todas as comarcas de Galicia, destacando as da Coruña (9,3% do total do sector), Barbanza (7,2%), Vigo (6,7%) e Lugo (6%). En 13 comarcas achega máis do 20% do PIB de cada unha.

Galicia atópase, en comparativa internacional, entre as economías nas que o sector é máis relevante. O estudo reflicte unha forte orientación exportadora da actividade, con destino fundamentalmente cara ao resto de, e ten un saldo superavitario tanto nos produtos primarios como nos industriais. Os protagonistas desta balanza comercial con superávit son as conservas de pescado, os produtos gandeiros, a carne e o leite.

Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas, xunto coa industria transformadora de peixes, crustáceos e moluscos, identifícanse como sectores clave, xa que son importantes demandantes e oferentes dentro da economía galega. As industrias cárnica e láctea preséntanse como sectores motores da economía, xa que están orientados cara a demanda final e teñen fortes encadeamentos cara atrás.

Pola súa parte, a pesca, fabricación de pensos e fabricación de bebidas identifícanse como sectores básicos na economía galega, pois están orientados cara a demanda intermedia e, polo tanto, teñen fortes encadeamentos cara adiante, pero son débiles cara atrás.

O informe presentado hoxe forma parte da serie iniciada en 2013 coa cadea forestal-madeira, e que continuou coa automoción, a pesca, o sector cultural, o do transporte, o do téxtil e o da minería e fabricación de produtos minerais non metálicos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre