Inicio Galicia O secretario xeral para o Deporte asina o convenio para a realización...

O secretario xeral para o Deporte asina o convenio para a realización da segunda fase da piscina municipal de Souto por un importe de 70.000 euros

0

En total, a provincia da Coruña verase beneficiada por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello coruñés de Padrón onde asinou co seu alcalde, Antonio Fernández Angueira, o convenio para a realización da segunda fase da piscina municipal de Souto. Segundo o texto do acordo, a Xunta de Galicia achegará ao concello a cantidade de preto de 70.000 euros (69.803,65 euros)As actuacións a executar consistirán na renovación das diversas instalacións, carpinterías, revestimentos e aparatos sanitarios nos vestiarios da piscina municipal, así como a ampliación do espazo interior, cara o exterior, na zona da terraza exterior.

Na sinatura do convenio, o mandatario galego apuntou a importancia de “mellorar o mapa de infraestruturas deportivas de Galicia para que, tanto os nosos deportistas como a poboación en xeral, poidan realizar a actividade física nas mellores condicións e así acadar cotas máis altas de saúde e benestar como é o obxectivo do Plan Galicia Saudable”.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, a provincia da Coruña verase beneficiada por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre