Inicio Galicia O saneamento gandeiro e demais controis sanitarios por parte da Xunta suporán...

O saneamento gandeiro e demais controis sanitarios por parte da Xunta suporán un investimento de máis de 7,2 millóns de euros en 2020

0

Trátase de manter a cualificación sanitaria das explotacións gandeiras, así como de desenvolver diferentes plans de vixilancia de enfermidades e limpeza de vehículos


Ao longo do vindeiro ano, a Xunta destinará algo máis de 7,2 millóns de euros a manter a boa cualificación sanitaria das explotacións gandeiras galegas, mediante as campañas de saneamento e demais medidas sanitarias que benefician este sector.

A Consellería do Medio Rural destinará eses fondos a sufragar o desenvolvemento de diferentes plans de vixilancia de enfermidades e de medidas de limpeza e desinfección das granxas nas que se detectan animais enfermos e dos vehículos de transporte das reses. Estas medidas enmárcanse nos programas nacionais de erradicación, que teñen como finalidade asegurar o mantemento do estado sanitario da cabana gandeira galega, segundo o establecido na normativa estatal e comunitaria, e así poder levar a cabo unha comercialización sen trabas dos produtos de orixe animal.

Nesta liña, unha vez acadada a declaración de Galicia como rexión oficialmente indemne de brucelose ovina, cabrúa e bovina, o obxectivo agora é obter a mesma declaración, canto antes, para a tuberculose bovina. Neste contexto cómpre lembrar que a provincia de Pontevedra está xa declarada como oficialmente indemne desta enfermidade e que no conxunto de Galicia a súa prevalencia bovina segue a ser das máis baixas do territorio peninsular español, cun 0,05% no ano 2018 fronte a outras comunidades como Andalucía (12,34%), Castela A Mancha (10,35%) ou Estremadura (9,75%).

A Xunta valora que o esforzo, o compromiso e a sensibilidade dos gandeiros galegos con respecto á mellora da sanidade animal, que xunto coas medidas desenvolvidas pola Administración fixeron que as nosas explotacións presenten un estado sanitario do máis alto nivel. Este status é mesmo moi superior ao existente noutras áreas do Estado e noutros países europeos, o que revaloriza os produtos alimentarios galegos de orixe animal, á vez que ofrece garantías á poboación e aos consumidores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre