Inicio Galicia O Salón Teatro de Santiago acolle o espectáculo sobre a figura de...

O Salón Teatro de Santiago acolle o espectáculo sobre a figura de Eduardo Pondal 'Fillos do sol'

0

A compañía Contraproducións volve ao escenario compostelán para representar esta homenaxe teatral ao autor de ‘Os Eoas’ no centenario do seu pasamento


O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos.

A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.

Interpretado por César Cambeiro, un Don Eduardo xa octoxenario e comesto pola neurose, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación, Eduardo, que non é outro que el mesmo cando comezaba de mozo a súa carreira literaria. Adrián Ríos é o actor que se pon neste papel, formando parte dun elenco que completa Alba Bermúdez como Rosa, a criada da pensión na que o bardo pasou a última etapa da súa vida.

O traballo actoral é un dos principais reclamos desta montaxe, xa que se presenta como un elaborado exercicio de interpretación ao servizo dun texto, dunha lingua e duns personaxes. O espectáculo conta tamén cunha coidada iluminación, obra de Afonso Castro, e cunha música orixinal composta por Guillerme Fernández que lle dá vida sonora ás emocións e ao ritmo escénico.

Reflexión, comicidade e emociónCon dúas tramas entrelazadas e ritmos cambiantes, Fillos do sol combina momentos de reflexión (sobre a historia e a creación literaria, a lingua e a identidade colectiva), de comicidade (da expresión e da sabedoría popular), e de emoción (pola tenrura das relacións humanas).

A venda anticipada de entradas para as funcións de público xeral (xoves, venres e sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.) está xa dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

A programación de xaneiro do Salón Teatro continuará a semana que vén cunha intensa actividade, xa que se exhibirán os espectáculos Contos do Recreo, de Redrum Teatro, e Invisibles, tamén de Redrum pero desta volta en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG).

Ademais, organizarase unha nova entrega da xornada de portas abertas Que se agocha tras o pano? no Día das Letras Galegas e desenvolverase o ciclo Teatro Ob-sceno, con accións escénicas curtas en espazos do edificio distintos ao escenario. Nesta ocasión, serán os camerinos, as oficinas e a biblioteca as localizacións que acollerán diferentes propostas a cargo das compañías Sal do Teatro, Teatro en Punto e Enconarte Producións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre