Inicio Galicia O Salón Teatro acolle tres espectáculos de cine ao vivo e teatro...

O Salón Teatro acolle tres espectáculos de cine ao vivo e teatro visual do colectivo multidisciplinar Cinema Sticado

0
image_gallery.jpg

A sede do Centro Dramático Galego recibe a compañía desde mañá venres e ata o domingo cunha ocupación máxima do patio butacas limitada a 30 persoas


O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle por primeira vez os espectáculos completos de Cinema Sticado coa representación a partir de mañá e ata o domingo día 25 de tres montaxes que mesturan artes visuais, teatrais e performativas, cine ao vivo, teatro de obxectos e audio e vídeo en tempo real música en directo, características do estilo deste colectivo artístico multidisciplinar.

As dúas primeiras propostas forman parte da serie de cine ao vivo STRPTS: Episodio 1: Mirlo&Rula, que se representará o venres ás 20,30 h., e Fin de tempada, que poderá verse o sábado á mesma hora. A terceira das propostas, PYKA: o corazón na eclipse, é un espectáculo de teatro visual que chegará aos espectadores o domingo ás 18,00 h.

Na serie STRPTS, Cinema Sticado non emprega ningún tipo de material audiovisual pregravado e tanto a imaxe filmada como os sons e voces xéranse e procésanse en tempo real por ferramentas dixitais controladas polos propios intérpretes antes de seren proxectadas. Episodio 1: Mirlo & Rula é o seu primeiro traballo de cine ao vivo, que nace despois de máis de dous anos de experimentación. Nel, un home discreto, Mirlo, e unha muller soñadora, Rula, protagonizan esta historia na que cruzarán os seus destinos nunha fuxida tinguida de intriga e sangue, nun mundo en desequilibrio coa natureza e os dereitos sociais e ateigado de corrupción política.

En STRPTS // Fin de tempada, Cinema Sticado segue a xogar coa súa cacharrada analóxico-dixital para compoñer con intriga, humor e maxia unha aventura que xira arredor da manipulación e o poder e a posibilidade de combatelos. Os protagonistas son dous frikis humanos que teñen a misión de facer unha película na unha selva está a piques de desaparecer, dous fuxitivos agardan nunha casa illada, un Ministro e o seu fillo ambicionan o poder, e no medio de todos eles… un maletín.

Con PYKA: o corazón na eclipse péchase a programación semanal do Salón Teatro. A música en directo do Trío Caspervek forma parte deste espectáculo de teatro visual con monicreques de tamaño humano, que foi estreado en xullo na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. PYKA é a historia e o remake dunha película desaparecida, unha emocionante viaxe polo íntimo da memoria. O punto de partida é un relato familiar de Helena Varela, que sitúa a súa avoa Gelines como única testemuña dunha película de animación do director de cine Sergei Eisenstein, en colaboración con Olga Lebèdev, e da cal só queda un documento sonoro e o seu título: PYKA.

Creacións colectivasO enxeñeiro, artista e profesor Xosel Díez e a actriz Helena Varela conforman este colectivo que conta para os procesos creativos coa colaboración do pintor Xabier Varela, o dramaturgo Julio Fer, a formación musical Caspervek e a actriz e directora Noemi Rodríguez.

Cinema Sticado ten participado en numerosos festivais galegos e internacionais de Portugal, Suíza, Bulgaria ou Polonia. Neste último país, gañou en 2017 o premio Innovative Approach To Puppetry Animation” no III International Animation Art Festival.

O Salón Teatro continúa deste xeito coa súa actividade pública, aínda que restrinxida a unha ocupación dun máximo de 30 persoas no patio de butacas, en cumprimento da última normativa publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). As localidades para os tres espectáculos pódense adquirir en liña a través do servizo de entradas Abanca e no despacho de billetes do propio Salón Teatro, na rúa Nova de Santiago de Compostela, dúas horas antes do inicio de cada función.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre