Inicio Galicia O proxecto de dragaxe no porto de Ribadeo entra en fase de...

O proxecto de dragaxe no porto de Ribadeo entra en fase de exposición pública

0

A presidenta de Portos de Galicia informou do anuncio do ‘Diario Oficial de Galicia’ aos colectivos portuarios da localidade nunha reunión de traballo

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o inicio do trámite de exposición pública do proxecto de dragaxe do porto de Ribadeo. A presidenta de Portos de Galicia, organismo impulsor desta actuación, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos colectivos portuarios de Ribadeo na que informou deste anuncio do DOG.

Segundo se indica na publicación, desde o pasado luns 25 queda aberto o prazo de 30 días hábiles para que calquera interesado poida consultar o proxecto nas dependencias de Portos de Galicia e na web do ente dependente da Consellería do Mar e, se fose o caso, formular nese prazo as alegacións que considere convenientes.

O proxecto contempla a dragaxe xeral do porto de Ribadeo, incluíndo a canle de acceso, a dársena náutico-recreativa de Porcillán, a dársena pesqueira e o peirao comercial de Mirasol, co obxectivo de recuperar o calado necesario, que nalgunhas zonas chegará ata a cota -5.

O orzamento estimado recollido no proxecto que se atopa a disposición pública para consulta é de tres millóns de euros e os traballos prevén a execución de catro actuacións de dragaxe, unha primeira para a ampliación do calado, e tres posteriores de mantemento. En total extraeríanse arredor de 250.000 metros cúbicos de area. En canto aos áridos recuperados, proponse o seu aproveitamento para a rexeneración do areal de San Miguel de Reinante.

Esta actuación está encamiñada á captación de novos tráficos para o porto de Ribadeo ao mellorar a accesibilidade dos buques e embarcacións pesqueiras e recreativas aos peiraos do municipio.

Trala reunión de Ribadeo, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo tamén unha reunión de traballo coa asociación A Ribeira de Foz e os representantes municipais para avaliar cuestións de interese para os colectivos portuarios da zona.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre