Inicio Galicia O programa Talento Novo facilitará a incorporación de 5.500 mozos ao mercado...

O programa Talento Novo facilitará a incorporación de 5.500 mozos ao mercado laboral

0

Contará con 10 M€ de orzamento para proporcionar aos menores de 30 anos as ferramentas necesarias para mellorar a súa empregabilidade


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, explicou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta impulsará a incorporación de 5.500 mozos ao mercado laboral a través do Talento Novo; unha iniciativa que, dotada con máis de 10 millóns de euros, proporcionará aos menores de 30 anos as ferramentas, axudas e coñecementos necesarios para mellorar a súa empregabilidade e capacitación para acceder a un posto de traballo.

Entre as medidas que o compoñen, Feijóo destacou o proxecto Retornando talento mozo, dirixido a 1.500 persoas retornadas menores de 35 anos. Para isto, ofreceranse accións formativas en competencias clave, así como para a obtención de certificados de profesionalidade válidos en toda España.

Outra das opcións é O poder de elixir, un programa de oito semanas no que, a través de 5 grupos de 10 persoas cada un, reforzaranse as capacidades para traballar en equipo, as habilidades de comunicación, a mellora da intelixencia social e ofrecerase sesión de coaching individualizado para facilitar a inserción no mercado laboral. Cómpre subliñar que a selección dos 50 participantes realizarase, previa inscrición e tras cumprimentar un cuestionario e someterse a unha entrevista individual.

Así mesmo, este ano súmase o novo programa de emprego para persoas mozas que estean inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, coa previsión de chegar a 300 persoas, a través de 20 programas mixtos de emprego e formación cun orzamento de 7M€. E, posteriormente, realizarase unha convocatoria de incentivos á contratación en empresas para as persoas participantes.

Por outra banda, cómpre salientar a convocatoria de Emprega Xuventude que ofrecerá bonos de contratación a tempo completo cunha duración mínima inicial de 12 meses ou de carácter indefinido. Esta iniciativa pódese completar cun bono de formación de entre 2.000 e 4.000 euros e prevese que chegue a 365 beneficiarios.

E o alumnado de centros galegos da ESO, Bacharelato e FP poderá beneficiarse do programa Xeración responsable, que achegará os conceptos de responsabilidade social e desenvolvemento sostible para mellorar a súa visión e preparación cara ao futuro laboral.

O Talento Novo incluirá ademais accións no eido da economía social para promover entre os mozos esta fórmula de emprendemento e emprego, a través de incentivos adicionais no programa Aprol Economía Social, para persoas que se incorporen como socios traballadores a cooperativas xuvenís; e con axudas para persoas mozas que accedan como socias traballadoras a proba. Tamén co certame Cooperativismo no ensino e as actividades divulgativas da Rede Eusumo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre