Inicio Galicia O programa Girl Stem entrevista a Rebeca Atencia, primatóloga na fundación Jane...

O programa Girl Stem entrevista a Rebeca Atencia, primatóloga na fundación Jane Goodall no Congo

0

Trátase da segunda entrevista do ciclo de conversas con referentes en ciencia e tecnoloxía, que xa están a disposición dos centros educativos acompañados de unidades didácticas

Esta semana GIRL STEM conversa cunha veterinaria ferrolá, Rebeca Atencia, que está á fronte do centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpouga (República Democrática do Congo), dependente da Fundación Jane Goodall.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rebeca Atencia en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coa súa biografía, a explicación do seu traballo e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Na actualidade, Rebeca Atencia dirixe o Centro de Rehabilitación de Chimpancés de Tchimpouga, situado na República Democrática do Congo e dependente do Instituto Jane Goodall. Neste centro fundado no 1992 coidan e protexen a uns 160 chimpancés co propósito de devolvelos á selva ao tempo que desenvolven un labor de educación e sensibilización sobre estes animais dirixido á poboación da zona. O centro ofrece un santuario aos exemplares de chimpancé en situación de orfandade, vítimas do comercio ilegal de carne de animais salvaxes ou de animais de compañía.

No 2011 o Instituto Jane Goodall (JGI) negociou con éxito co goberno do Congo a expansión a tres illas situadas no río Kouilou, onde o JGI poderá recolocar a uns 120 chimpancés que actualmente viven no santuario. Alí, os chimpancés vivirán nun hábitat máis natural e reducirase o amontoamento de Tchimpounga. Ata o de agora, 57 dos chimpancés máis fortes e mellor preparados foron recolocados nas illas Tchindzoulou, Ngombe e Tchibebe.

Na conversa, realizada por Bárbara Román, avogada responsable de Nolegaltech -unha empresa galega especializada en dereito tecnolóxico- Rebeca Atencia afirma que “ao principio ser muller foi un impedimento, pero ao final transformouse en algo positivo porque acabaron dando máis valor ao meu traballo”. Neste sentido, a primatóloga aconsella ás rapazas novas “que crean nelas mesmas, se realmente soñan con algo, por moi raro e inalcanzable que pareza”O próximo xoves 19 de novembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Dhaunae de Vir, desenvolvedora de negocio transmedia; e Gisela Vaquero, deseñadora de videoxogos, entrevistadas por Luz Castro.

Ligazón á conversa con Rebeca Atencia:https://archive.org/details/sg-rebeca-atencia-v-3Links de interese: https://es.wikipedia.org/wiki/Rebeca_Atenciahttps://de.wikipedia.org/wiki/Tchimpounga_Chimpanzee_Rehabilitation_Centerhttps://zoovetesmipasion.com/veterinaria/https://www.ted.com/talks/jane_goodall_what_separates_us_from_chimpanzees/upnext?language=eshttps://youtu.be/FEp1h7GKIao 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre