Inicio Galicia O Programa galego de detección precoz do cancro de mama realizou preto...

O Programa galego de detección precoz do cancro de mama realizou preto de 2.700.000 de exploracións mamográficas dende a súa posta en marcha en 1992

0

A participación nesta iniciativa da Consellería de Sanidade é de case o 80%, superando o obxectivo do 75% fixado como desexable polas Guías Europeas de Garantía de Calidade


No período comprendido entre xaneiro de 1992, data da súa posta en marcha, e o 1 de outubro do presente ano, o Programa galego de detección precoz do cancro de mama, de cuxa patoloxía mañá se conmemora o Día Internacional, realizou un total de 2.671.529 exploracións mamográficas, o que supón unha participación do 78,6%. Cómpre remarcar que, a partir do ano 2006, a participación no programa supera o 75%, que é o obxectivo desexable establecido polas Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico. De feito, dende ese ano, a participación acada ou supera o 80% anualmente.

Sinalar, así mesmo, que no período comprendido entre xaneiro de 1992 e o primeiro de outubro do presente ano, a taxa global de detección precoz foi de 3,6 casos por cada mil mulleres exploradas, é dicir, 9.611 cancros foron detectados polo programa en fase presintomática.

O obxectivo de acadar un diagnóstico precoz dos cancros queda reflectido no feito de que, o 92,7% dos tumores detectados, tiñan un estadío tumoral baixo. Ademais, un 65% dos casos non tiñan afectación ganglionar no momento do seu diagnóstico.

Reducción da mortalidadeA combinación dunha alta participación cunha correcta taxa de detección, permiten predecir a obtención dun impacto importante do programa na poboación diana, que resulta de interese avaliar para establecer a efectividade do mesmo. Así, o longo recorrido deste programa de prevención permitiu realizar xa algúns estudos de impacto sobre a mortalidade por cancro de mama en Galicia, e sobre a supervivencia das mulleres que o padeceron. Así, no ano 2015, desenvolveuse un estudo sobre as taxas específicas de mortalidade por esta patoloxía en mulleres galegas no período 1980-2012, no que se reflicte un importante descenso do número de mortes observadas nas mulleres cribadas. En concreto, nos grupos cribados con participación alta, o risco de morrer por cancro de mama redúcese case que nun 30%.

Alta valoraciónÉ importante remarcar que, case que a totalidade das mulleres usuarias do programa valoran a experiencia no mesmo en términos satisfactorios. En concreto, un 99,3% delas amosáronse moi ou bastante satisfeitas e o 96,8% volvería a participar con toda seguridade nunha vindeira campaña.

O Programa, que o leva a cabo a Consellería de Sanidade por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, está dirixido a mulleres residentes en Galicia de entre 50 e 69 anos. A proba básica de cribado é a mamografía e realízase cunha periodicidade de dous anos. A citación das mulleres é persoal e por carta. Envíase nos 10 ou 15 días previos á cita e nela especifícanse o lugar, día e hora en que a muller debe acudir para a realización da proba mamográfica. Se non acode, envíase unha nova citación, tamén por carta.

Melloras na xestiónA estrutura asistencial do Programa está formada polas unidades de exploración mamográfica, as unidades de avaliación radiolóxica e as unidades de diagnóstico e tratamento.

Dende o seu inicio, o programa non deixou de expandirse na súa capacidade e recursos para a atención ás usuarias, mellorando a súa xestión e tamén a recollida de datos que permiten elaborar os indicadores para a súa avaliación, seguindo as directrices da Unión Europea e as novas evidencias que foron xurdindo.

Este programa do departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña foi adaptándose ao desenvolvemento tecnolóxico, coa modernización dos seus sistemas de información e a dixitalización de todas as unidades de exploración. Entre as melloras levadas a cabo cómpre remarcar o incremento da idade da poboación diana, que ampliouse ata os 69 anos; ou a instalación da tecnoloxía dixital, que mellora, substancialmente, o funcionamento, a capacidade e a calidade do programa en todos os niveis da súa estrutura.

Sinalar, por último, que o programa conta co teléfono 981 14 14 14, para a atención ás usuarias.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre