Inicio Galicia O programa de residencias do CDG acolle seis compañías durante esta temporada...

O programa de residencias do CDG acolle seis compañías durante esta temporada para traballar nas súas novas montaxes

0

Pérez&Fernández atópase xa no Salón Teatro de Santiago para preparar a estrea de ‘Os nenos da variola’, que poderá verse no espazo da Xunta do 28 de febreiro ao 1 de marzo


O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e IncendiariaDurante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía da Xunta de Galicia e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.

A primeira delas é Pérez&Fernández, que prepara a estrea de Os nenos da variola, montaxe inserida á súa vez no programa de coproducións do Centro Dramático Galego. Xosé Leis e Victoria Pérez codirixen, ademais de interpretar xunto a Isabel Risco e Manu Fernández, esta adaptación da novela de María Solar inspirada na Expedición Balmis, que a primeiros do século XIX partiu da Coruña con 22 nenos a bordo e a misión de levar a vacina da varíola a América.

A súa estrea terá lugar o vindeiro 28 de febreiro no Salón Teatro, onde poderá verse ata o 1 de marzo, e a venda anticipada de entradas está xa habilitada na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, cos prezos e descontos habituais.

A continuación, será a quenda da danza con Marta Alonso, quen estará en residencia do 2 ao 4 de marzo coa súa montaxe Bailar agora. O seu obxectivo é continuar traballando arredor dunha peza a través da que a artista propón unha parada no corpo para detectar como se instala nel o paso do tempo e como se ve afectado polas experiencias, as presións sociais e o contexto.

Programa de coproduciónsComo no caso de Os nenos da varíola, as catro compañías que completan o programa de residencias desta temporada contan tamén co apoio do Centro Dramático Galego en calidade de entidade coprodutora, ademais de ter prevista aquí a súa exhibición ao público tras a estadía artística. Trátase de La Quintana Teatro con O premio (en residencia do 9 ao 11 de marzo e con funcións do 12 ao 15), Cámara Negra Teatro con Clausura do amor (do 23 de marzo ao 1 de abril, con representacións do 2 ao 5 de abril), Cronica dunha heterosexual insatisfeita de Verdeveras Expresións Artísticas (do 6 ao 10 de abril e exhibición os días 18 e 19 dese mes) e Microperspectivas dun marica millennial, de Incendiaria (do 11 ao 15 de abril e funcións o 16 e 17).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre