Inicio Galicia O Programa Carné Xove suma como establecemento colaborador á estación de montaña...

O Programa Carné Xove suma como establecemento colaborador á estación de montaña Oca Manzaneda

0

As mozas e mozos titulares da tarxeta poderán obter descontos no aloxamento e nos Fortfait diarios


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o director xerente da Estación de Montaña Oca Manzaneda, Luis Gustavo Sanmartín Vázquez, asinaron un documento de adhesión ao programa Carné Xove polo que se ofrecerá aos usuarios un 10% de desconto en aloxamentos nas súas instalacións e nos forfait diarios, tanto en temporada alta como baixa.

Ademais, realizarase un sorteo entre os usuarios do Carné Xove de dúas noites de aloxamento con pensión completa, dous días de forfait e o alugueiro do material de esquí incluídos. Os interesados deberán enviar un formulario que estará dispoñible na web de Xuventude desde este luns ata o xoves 9 de xaneiro.

O Carné xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición das persoas de entre 12 e 30 anos coa que se obteñen descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos a esta iniciativa.

A día de hoxe, son máis de 41.000 as rapazas e rapaces que desfrutan dos beneficios deste programa en Galicia mediante o cal poden acceder a descontos e outras vantaxes en servizos e produtos nos diferentes establecementos adheridos a este programa, os cales pertencen ao ámbito cultural, do lecer, da mobilidade e da formación, entre outros. Ademais, o Carné Xove leva incorporado un seguro gratuíto para cubrir as continxencias que poidan xurdir nas viaxes que fagan os seus titulares.

Cómpre lembrar que as mozas e mozos que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % terán dereito á expedición gratuíta deste carné, así como as persoas vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre