Inicio Galicia O prestixioso taller Eave de produción audiovisual ábrese aos profesionais e estudantes...

O prestixioso taller Eave de produción audiovisual ábrese aos profesionais e estudantes galegos en colaboración coa Xunta

0

A Agadic asinou un acordo coa entidade luxemburguesa promotora para que Santiago acolla do 22 ao 29 de outubro a terceira e última residencia da actual edición do encontro

O programa formativo EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs) recalará do 22 ao 29 de outubro en Galicia para celebrar en Santiago a terceira e última residencia de 2018 do seu emblemático EAVE Producers Workshop. A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora coa organización para situar a capital galega como unha das sedes da actual edición deste prestixioso encontro, así como para lle dar acceso tanto a estudantes como a profesionais do noso audiovisual.

Grazas ao acordo coa entidade luxemburguesa promotora, ademais do medio centenar de produtores de 36 países matriculados no taller anual, o EAVE Producers Workshop abrirá as súas portas á participación galega mediante dúas vías. En primeiro lugar, facilitándolles aos profesionais e estudantes da nosa Comunidade o acceso gratuíto a todas as sesións formativas e divulgativas de carácter plenario que terán lugar en Santiago. Neste caso, a organización habilitará a inscrición a través do web eave.org no mes de setembro.

Leer más:  SUS-Santiago fija "posición de ciudad" para pedir la intervención del Gobierno y ampliar el uso residencial de Peleteiro

Taller localAdemais, seleccionaranse oito participantes galegos para un taller feito á medida das súas necesidades polo profesorado do EAVE. A solicitude debe realizarse antes do 4 de setembro, enviando ao mail [email protected] o formulario e os documentos requiridos no devandito web.

O programa desta sección específica deseñarase de acordo aos intereses dos seleccionados en temas como o desenvolvemento da súa carreira, planificación empresarial, financiamento e cuestións xurídicas en materia de coprodución, vendas e distribución, o mercado internacional, estratexia da participación en festivais ou márketing. Ademais de ter acceso ás sesións plenarias do taller xeral, centrado no desenvolvemento de proxectos audiovisuais de ficción e documentais, o grupo galego manterá reunións individuais con asesores expertos e asistirá a unha xornada de traballo en común, que correrá a cargo dos consultores internacionais que lideran esta iniciativa formativa.

Deste xeito, a que será a última residencia de 2018 do EAVE Producers Workshop, despois das xa celebradas en Luxemburgo e Noruega, permitiralles aos integrantes da industria audiovisual galega entrar en contacto directo cos 50 produtores internacionais participantes nesta edición e mais co equipo pedagóxico.

Leer más:  La asamblea del PSOE de Santiago propone a Nicolás González Casares como candidato a las elecciones europeas

Fundado en 1988, o EAVE está considerado como o principal programa de capacitación e desenvolvemento de produtores audiovisuais en Europa. Nos últimos anos, ampliou as súas oportunidades de formación con novas alianzas en América Latina e Asia. O Producers Workshop é o seu programa estrela, por ser un dos máis relevantes e de maior éxito para a coprodución internacional a nivel europeo. Moitos dos seus proxectos acadan bos resultados en recadación, vendas, distribución e presenza en festivais cinematográficos de primeira liña, e os premios máis importantes do mundo contan con títulos impulsados polo alumnado do EAVE. 


- Te recomendamos -