Inicio Galicia O Polo Aeroespacial de Galicia acolle as probas finais de voo do...

O Polo Aeroespacial de Galicia acolle as probas finais de voo do Targus, o avión opcionalmente pilotado de Indra e Xunta

0

A aeronave está pensada para dar apoio en misións de busca e rescate, extinción de incendios, protección medioambiental e do territorio e control de usos do solo

A Xunta e a compañía Indra deron comezo ás probas de voo finais do Targus, o avión opcionalmente pilotado (OPV) civil máis avanzado desenvolto ata a data en España no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. A aeronave está preparada para dar apoio en misións de busca e rescate, extinción de incendios, protección medioambiental e do territorio e control de usos do solo, entre outras aplicacións.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acudiu esta mañá ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), en Lugo, para comprobar os traballos que se están realizando co dron.

Os pasados meses de xuño e xullo, o Targus xa completou unha primeira serie de probas nas que demostrou a súa capacidade para ser pilotado en remoto desde terra e voar de forma autónoma. Agora, a aeronave comeza a voar co seu sistema de misión completo, que se compón dun sofisticado radar e cámaras electroópticas e infravermellas xiro-estabilizadas que recollen e envían datos á estación de control en terra en tempo real.

Indra cumpre así co principal compromiso adquirido dentro da Civil UAVs Initiative, que é o desenvolvemento dunha aeronave pioneira que abriría o camiño ao resto da industria. As probas que se están realizando en Rozas lévanse a cabo cun dron de 1,25 toneladas de peso e 11 metros de envergadura, que está voando en espazo aéreo non segregado como se fose unha aeronave máis. É a primeira vez que un UAV obtén permiso para realizar uns voos coma estes, o que representa un fito para a industria aeronáutica do país.

Todas as probas se están levando a cabo baixo as condicións de voo aprobadas pola Axencia Europea para Seguridade Aérea (EASA) e co permiso de voo emitido pola Axencia Estatal da Seguridade Aérea (AESA) que autoriza a súa experimentación. Ademais, realízanse baixo un protocolo especial de comunicación establecido co control aéreo do aeroporto de Santiago de Compostela.

O Targus realiza todas as probas desta campaña cun piloto a bordo que se encarga de levar a cabo a maniobra de despegue e aterraxe e de ceder á estación de control en terra o mando da aeronave unha vez no aire. Esta estratexia de desenvolver un dron que dá a opción de levar un piloto en cabina permitiu avanzar no proxecto a gran velocidade.

Tamén supón unha gran vantaxe operativa para os futuros usuarios, que poderán sobrevoar zonas urbanas ou aterrar en aeroportos sen restricións de forma tripulada e voar sen piloto ao chegar á zona de operacións. Este dobre uso reforza o atractivo comercial e as capacidades do Targus.

En paralelo, Indra concluíu o desenvolvemento do seu Centro de Misión e Procesado de Datos, un avanzado sistema de información que proporciona utilidades de persistencia, dispoñibilidade, concentración, post-procesado e valorización comercial dos datos capturados por sistemas non tripulados, tanto aéreos como mariños e terrestres.

O sistema desenvolto permite a incorporación dos datos capturados por calquera sistema non tripulado, garante a posibilidade de enriquecer o dato mediante algoritmos de post-procesado proporcionados por calquera entidade que os desenvolvera, está orientado ao modelo de negocio dos seus usuarios, e permite participar na obtención da información grazas a unha sala de seguimento das misións que concentra nun único entorno operacional todo o coñecemento situacional que podería ser de interese para a execución das operacións.

Impulsado pola Xunta, o Polo Aeroespacial de Galicia está mobilizando 165 millóns de euros, e fixo posible que máis de 50 empresas e centros de coñecemento e preto de 500 persoas traballen no desenvolvemento de máis de 35 proxectos. Actualmente, a Xunta está traballando na definición dun novo período de actuacións entre 2021 e 2025, dando resposta aos novos retos e creando novos instrumentos de colaboración público-privada para impulsar o tecido industrial e de coñecemento galego no sector aeroespacial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre