Inicio Galicia O Plan Xeral de Vilaboa convértese no número 100 ao acadar a...

O Plan Xeral de Vilaboa convértese no número 100 ao acadar a súa aprobación definitiva parcial

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trasladou esta mañá o visto e prace da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio ao plan xeral, tras 18 anos de tramitación

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva parcial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vilaboa, feito que o converte no concello número 100 en acadar este visto prace e que ratifica a súa adaptación á Lei do solo.Ángeles Vázquez trasladou esta mañá esta noticia ao rexedor municipal, ao que lle indicou a necesidade de regularizar varias captacións de auga en certos núcleos; pois do non proceder á mesma, podería anularse o plan xeral ou o que é o mesmo, tirar pola borda o traballo realizado na súa tramitación durante os últimos 18 anos.

Recordou que o novo planeamento substitúe a unha normativa anticuada e básica, como unhas normas subsidiarias municipais do ano 1998; polo que agora establécese un novo marco legal para dar resposta á situación concreta deste municipio, outorgándolle seguridade xurídica, coherencia coa realidade territorial de Vilaboa e un desenvolvemento sostible do seu territorio nos próximos 20 anos.

O Pxom en cifrasA redacción deste instrumento supuxo estudar en detalle a totalidade da superficie do termo municipal, case 37 quilómetros cadrados nos que o solo maioritario é de carácter rústico (un 84,9% do territorio), seguido polo solo de núcleo rural (un 13,73%), solo urbano (un 1,02%); e solo urbanizable, (un 0,35%).

Destaca a implantación dunha política de solo industrial coa creación dun sector de solo urbanizable estratexicamente situado en relación co sistema viario, así como a integración do termo municipal coa área funcional Pontevedra-Vigo e o aproveitamento da súa situación dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Asemade, o planeamento prevé un total de 150.758 metros cadrados para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, un 18,95% máis do que esixe a Lei do solo, e reserva 71.564 metros cadrados para o sistema xeral de equipamento comunitario, un 69,4% máis do esixido pola Lei.

Unha década de traballoA conselleira de Medio Ambiente destacou que o Goberno galego leva unha década traballando a prol do urbanismo responsable e cun obxectivo claro: ningún concello sen Pxom.

Indicou que Vilaboa súmase hoxe ao grupo de concellos con planeamento adaptado á normativa actual, un total de 100 municipios con aprobación, dos cales 70 foron aprobados polo actual Goberno desde o ano 2009 e 12 na actual lexislatura.

Vázquez Mejuto defendeu que “non só se traballou da man dos municipios” senón que tamén se definiron ferramentas para garantir o crecemento sostible e ordenado de Galicia, grazas a aprobación do Plan Básico Autonómico -o instrumentos máis recente, da Lei do solo e do regulamento que a desenvolve, do Plan de Ordenación do Litoral, das Directrices de Ordenación do Territorio e da Estratexia da Paisaxe Galega.

Por último, salientou que nos próximos meses os esforzos centraranse en acadar o Plan Básico Municipal, para dotar aos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes dunha ordenación urbanística básica, e na Lei de ordenación do territorio, que se prevé remitir ao Parlamento en 2019 para a súa aprobación e grazas a cal se modernizará a normativa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre