Inicio Galicia O Plan Proxecta incorpora este curso dúas novas modalidades centradas no patrimonio...

O Plan Proxecta incorpora este curso dúas novas modalidades centradas no patrimonio cultural

0
image_gallery.jpg

A Xunta abre o prazo ata o 23 de outubro para que os centros se inscriban nesta iniciativa, que aglutina os 41 programas desenvolvidos polos diferentes organismos en relación coa educación


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a convocatoria para este curso 2020/2021 do Plan Proxecta, a iniciativa que aglutina todos os programas que os diferentes organismos da Xunta desenvolven arredor do eido educativo. Este ano incorpóranse á oferta dúas novas modalidades dentro do programa Educación Patrimonial, en concreto Museos e Patrimonio e Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

Museos e Patrimonio pretende promover unha colaboración estreita entre a comunidade educativa e o museo para facer deste un instrumento eficaz para a educación formal. Neste sentido, os participantes coñecerán o variado e rico patrimonio museístico e o patrimonio inmaterial asociado a este a través da implicación da comunidade educativa nas actividades destas institucións culturais. A través delas, promoverase a investigación do alumnado sobre aspectos culturais relacionados co patrimonio material e inmaterial que acaben por fomentar os valores asociados á súa conservación.

A modalidade Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning ten como obxectivo potenciar o coñecemento e a valoración do patrimonio cultural europeo material e inmaterial, propiciando o diálogo intercultural, e a cohesión social; ao tempo que se fomentan enfoques centrados na súa contribución á creación de emprego e ao crecemento económico e que persigan a súa conservación e sustentabilidade. Esta iniciativa funcionará tamén como un promotor da internacionalización dos centros educativos galegos e, neste sentido, para mellorar a comprensión doutras culturas e a comunicación intercultural, así como para promover a diversidade lingüística da Unión Europea e poñer en valor a lingua galega.

Competencias clave e transversalidadeO Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos interdisciplinarios que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo, e os elementos transversais, nos que se inclúe a educación en valores. Así mesmo, favorécese o traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado.

Neste curso ofértanse un total de 41 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade. O procedemento de solicitude realizarase a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.es/programaseducativos/ e o prazo de presentación estará rematará o día 23 de outubro de 2020.

No curso 2019/20 participaron no Plan Proxecta preto de 148.000 alumnos dun total de 579 centros de ensino que desenvolveron 1070 proxectos distintos coa colaboración de máis de 8200 docentes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre