Inicio Galicia O Plan Forestal será aprobado definitivamente entre finais de 2018 e principios...

O Plan Forestal será aprobado definitivamente entre finais de 2018 e principios de 2019 e duplicará nos próximos 20 anos a madeira que produce Galicia de maneira sustentable

0

O presidente da Xunta subliñou que este documento, que está en fase de información pública, vai ordenar a política forestal galega durante os vindeiros 20 anos


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do Consello, que o Plan forestal de Galicia será aprobado definitivamente entre finais de 2018 e principios de 2019. Este documento, que na actualidade se atopa en fase de información pública, vai ordenar a política forestal galega durante os vindeiros 20 anos.

De feito, un dos obxectivos principais deste plan é multiplicar por dous a cantidade de madeira que produce Galicia nas próximas dúas décadas, pasando dos 8 millóns de metros cúbicos anuais aos 16 millóns e garantindo, evidentemente, a calidade da madeira e a sustentabilidade do monte. Todas as medidas recollidas no plan supoñen un investimento anual de 112 millóns de euros en 2018, unha cantidade que se incrementará un 1% cada ano durante as próximas dúas décadas.

O presidente subliñou a integración do sector forestal no tecido social de Galicia. Proba disto é que en torno ao 98% do territorio forestal da nosa comunidade é propiedade de 600.000 persoas e case 3.000 comunidades veciñais en man común. Nesta mesma liña, Feijóo destacou as cifras asociadas á economía do monte. Non en van, Galicia é a novena potencia forestal de Europa cun sector que supón o 1,8% do PIB galego, ademais de xerar o 12% do emprego industrial ao longo da súa cadea de valor, mover en torno a 2.000 millóns de euros anuais e empregar a 70.000 persoas.

Leer más:  Procesiones suspendidas este Jueves Santo en Galicia por el temporal, con rachas que superan los 120 km/h

Este plan, subliñou o titular do Goberno galego, non busca ser o Plan Forestal da Xunta, senón o Plan Forestal de todos os galegos e, por iso, buscouse constantemente o consenso co sector ao longo de todo o proceso de elaboración do documento. A continuación, Feijóo referiuse aos principais contidos do plan, que, tal e como explicou, será revisado cada cinco anos unha vez sexa aprobado definitivamente co obxectivo de incorporar, no caso de que sexa preciso, novas tendencias e sensibilidades.

Entre os principais obxectivos do plan atópanse os seguintes. En primeiro lugar, asignar á produción sustentable de madeira o 52% do territorio forestal galego: un total de 1.060.000 hectáreas, o que supón 80.000 máis que na actualidade. E, en segundo lugar, fomentar a produción de madeira de calidade co obxectivo de xerar valor engadido; manter o liderado na produción de castañas e mel; conservar unha paisaxe que siga sendo atractiva e claramente identificable con Galicia; e respectar e poñer en valor a nosa biodiversidade.

Adaptar o modelo e a planificación forestais á realidade actualPola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou que a revisión do plan é necesaria para adaptar o modelo e a planificación forestais á realidade actual do monte galego, así como para incorporar os cambios na normativa vixente. Dixo que, en todo caso, a actualización faise desde o máximo consenso posible, un principio que está presidindo todo o proceso de revisión.

Leer más:  Díaz muestra preocupación por el plan de Altri, "complejo" porque "pone en riesgo un desarrollo sostenible"

Así mesmo, a conselleira sinalou que o documento establece o modelo de monte galego para os próximos 20 anos, determinando un reparto equilibrado do territorio entre a superficie para produción sustentable de madeira e a dedicada a frondosas autóctonas e soutos, así como a espazos abertos e pasteiros. Procúrase, así mesmo, manter a posición de Galicia como líder nas producións de castaña e mel, potenciar o pastoreo e preservar a paisaxe e a biodiversidade.

Ademais, a titular de Medio Rural indicou que o texto, que se atopa actualmente en fase de información pública, incorpora conceptos como o de “montes modelo”, a modo de referentes de xestión forestal a nivel de distrito, ou de “silvicultor activo”, tanto para os propietarios individuais como colectivos.

Por último, a conselleira engadiu que o plan contempla o fomento da agrupación forestal a través de figuras como as Sofor, a protección e defensa do monte fronte a riscos como a erosión ou os incendios e a mellora do coñecemento e información forestal, mediante a creación dun Observatorio Forestal, o Sistema Integrado de Información Xeográfica Forestal de Galicia e o rexistro de parcelas xestionadas e montes de Galicia. 

Leer más:  Un conductor se sale de la carretera y se choca contra la mediana en Toén (Ourense)

- Te recomendamos -