Inicio Galicia O Plan forestal de Galicia marca as directrices de xestión dos montes...

O Plan forestal de Galicia marca as directrices de xestión dos montes galegos durante os vindeiros 20 anos cun investimento de 4.900 M?

0

Feijóo defende que imos a intentar que Galicia non só sexa un pulmón dentro de España, senón que sexa un pulmón máis grande tanto no ámbito ambiental como na loita contra o cambio climático

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que o Plan Forestal de Galicia marcará as directrices de xestión dos montes galegos durante os vindeiros 20 anos cun investimento de 4.900 millóns de euros ata o ano 2014, dos que 4.000 millóns son fondos públicos.

Feijóo defendeu que “imos a intentar que Galicia non só sexa un pulmón dentro de España, senón que sexa un pulmón máis grande tanto no ámbito ambiental como na loita contra o cambio climático”. Nesa liña, o Plan Forestal é “o principal documento estratéxico do bosque en Galicia e establece o compromiso para as vindeiras xeracións e unha senda política, económica e social que afectará aos distintos gobernos de Galicia nos próximos vinte anos”, engadiu.

Tras explicar que está previsto que o Plan estea en vigor no primeiro semestre de 2021, Feijóo salientou algunhas das prioridades estratéxicas que suporá: blindar a sustentabilidade do monte, compatibilizando o plano ambiental e socioeconómico; garantir a súa biodiversidade e aumentar a pegada das frondosas autóctonas; estimular a multifuncionalidade; incentivar unha xestión máis participativa; procurar un marco normativo e financeiro favorable e áxil, e reforzar as políticas antiincendios.

Máis en concreto, o presidente da Xunta detallou medidas como a promoción da rexeneración natural de frondosas caducifolias ata alcanzar as 425.000 hectáreas en 2040 e a conservación de soutos de castiñeiro, así como a creación de 16.000 hectáreas máis, das que a metade se enfocarán á madeira e a outra metade á produción de castañas.

En canto ao eucalipto, reducirase un 5% a superficie actual desta especie en Galicia. Nesa liña, darase preferencia á produtividade das masas xa existentes, reforzarase o control das novas plantacións e buscarase a transformación de eucaliptais degradados. Segundo aseverou Feijóo, “unha das metas é converter 20.000 hectáreas de eucalipto en montes de outras especies”.

A maiores, plantaranse 20.000 hectáreas máis de coníferas ata 2040 e controlaranse as especies invasoras.

Tamén se busca conseguir 3 millóns máis de metros cúbicos de corta de madeira ao ano, pasando de 9 millóns a 12 millóns, “converténdonos así nunha das potencias madereiras da Unión Europea” resaltou o presidente da Xunta.

No que respecta á ordenación e ao aproveitamento, esta revisión do Plan Forestal proponse ordenar 850.000 hectáreas, das que 650.000 conten con certificación forestal internacional, e mobilizar terras infrautilizadas ou abandonadas. “En 20 anos o obxectivo é recuperar 150.000 hectáreas con proxectos de mobilización agroforestal”, abundou Feijóo.

No ámbito do sector industrial do monte, incluirase un Programa de investigación, desenvolvemento e innovación forestal con 135 millóns de euros e un Programa de divulgación da cultura forestal con 250 iniciativas de formación dos propietarios.

O Plan Forestal reforzará o coidado dos montes con iniciativas como: a creación da figura dos ‘montes protectores’ para inventariar e rexistrar aqueles que teñen unha especial singularidade e utilidade na regulación do ciclo hidrolóxico; o lanzamento dun Programa de conservación dos recursos xenéticos ou a promoción dunha rede de infraestruturas verdes. Neste eido tamén se fará un maior fincapé na loita contras as pragas como a avespiña e cancro do castiñeiro ou a procesionaria do piñeiro, entre outras.

Para concluír, o presidente da Xunta salientou que o documento inclúe un apartado sobre a loita contra os incendios forestais. Feijóo comprometeuse a facer unha nova lexislación de prevención e defensa contra os lumes, a reorganizar os distritos; a elaborar anualmente un Plan preventivo; a presentar un Plan plurianual para definir os recursos técnicos, humanos e infraestruturas e a incidir na colaboración local.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre