Inicio Galicia O Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia permitirá dinamizar o...

O Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia permitirá dinamizar o rural e impulsar o sector da castaña

0

José González explicou que esta iniciativa manterá a propiedade dos soutos nos habitantes das aldeas e buscará fórmulas para unha xestión conxunta

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu esta mañá á XXV Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós, onde puxo en valor o Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia que permitirá dinamizar o rural e impulsar o sector da castaña. Durante a celebración desta festa, na que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, José González foi galardoado co premio “Castaña de ouro” e, neste sentido, agradeceu que fose escollido para recibir este recoñecemento.

Así, José González salientou que o plan consta de tres fases que teñen como obxectivo “recuperar parte do noso pasado para convertelo no noso futuro”. Neste senso, nunha primeira fase procederase a identificar e caracterizar os soutos tradicionais existentes en Galicia para logo, nunha segunda parte, analizar a viabilidade de xestión das zonas produtivas destes soutos e as posibilidades de transformación e comercialización do produto. Finalmente, e xa nunha terceira fase, explicou o conselleiro, abordarase a implantación dun modelo de aproveitamento deses soutos, coa finalidade última de que sexa un elemento dinamizador do territorio rural e será totalmente compatible coas novas plantacións de castiñeiros que se están a impulsar.

Neste senso, o conselleiro salientou que a estratexia do seu departamento pasa por manter a propiedade dos soutos nos habitantes das aldeas e buscar fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento para a súa xestión de forma conxunta. Isto, matizou, permitirá xerar emprego e valor engadido no rural galego ao impulsar o sector transformador da castaña.

Ademais, tamén destacou o papel fundamental no futuro de Galicia da nova Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, que entra este mes no Parlamento, que permitirá desenvolver actividade agrogandeira de calidade nas terras que hoxe están abandonadas. Nesta liña, José González aclarou que, respectando sempre a propiedade privada, desenvolveranse polígonos agrogandeiros e forestais e tamén instrumentos de xestión conxunta da terra, coa finalidade de poñer en valor a terra dunha maneira excepcional e ligada ás producións de calidade.

Precisamente, o sector da castaña, subliñou o conselleiro, xera a través da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia un valor económico de máis de 470.000 euros e está composto por máis de 150 produtores e 1.260 hectáreas de superficie. Así, engadiu o titular de Medio Rural, a provincia de Ourense concentra o 75% da produción deste froito en Galicia, polo que é preciso reforzar este sector e consolidar a calidade do produto no mercado.

Sobre isto, o titular de Medio Rural avanzou que se vai seguir traballando na loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro, para conseguir uns soutos fortes e cun produto de alto valor. Neste senso, informou de que no vindeiro ano 2020 se realizarán soltas do parasito torymus similares ás do presente exercicio, xa que segundo os últimos datos recollidos, o parasito estase asentando nos soutos dos castiñeiros da nosa comunidade e, polo tanto, considérase que empeza a ser efectiva esta medida para loitar contra os danos ocasionados pola avespiña do castiñeiro. Unha medida, sinalou o conselleiro, que se compaxina coa investigación para dispoñer do mellor material xenético e garantir que as variedades escollidas son as máis axeitadas para a zona na que se planten.

Finalmente, e no relativo á potenciación dos produtos de calidade, o conselleiro indicou que unha das liñas estratéxicas do seu departamento pasa pola promoción dos produtos de calidade, entre eles a castaña. Así, sinalou que Galicia é un referente en produción agroalimentaria de calidade, polo que é preciso potenciar o seu recoñecemento mediante unha forte promoción dos 35 selos de calidade co obxectivo claro de que os produtores acaden mellores prezos e se consolide o seu prestixio a nivel internacional.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre