Inicio Galicia O Plan de formación en lingua galega da Xunta aposta polos cursos...

O Plan de formación en lingua galega da Xunta aposta polos cursos en liña

0

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe en rolda de prensa a oferta formativa do seu departamento para o ano 2019


A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsa o plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia. Trátase dunha acción formativa que se leva a cabo en colaboración con outras institucións (escolas oficiais de idiomas, Egap, Rede de Centros de Estudos Galegos, Rede de Dinamización Lingüística, universidades galegas, etc.) que aposta polos cursos de teleformación e incorpora por primeira vez o preparatorio das probas de acreditación do Celga no seu nivel 3.

Na liña dos anos anteriores, as prazas, que se ofertan tanto no Celga, linguaxes específicas para funcionariado e persoal da Administración (especialidades administrativa e xurídica) e ensino medio e superior, daranlle cobertura a máis de 7000 alumnos e alumnas en Galicia. Será nas áreas galegofalantes do exterior, no resto de España, en Europa e en América, segundo sinalou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa de presentación, na que estivo acompañado pola a subdirectora xeral de Política Lingüística, María Lourdes Batán, e pola xefa de Formación, Asesoramento e Proxección exterior da lingua, Oliva Amorín.(Tele)formación en lingua galega e linguaxes específicasO Plan de formación da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano 2019 inclúe 82 cursos preparatorios das probas Celga, dos cales organiza e desenvolve 36 directamente a propia secretaría xeral (con data de comezo o 1 de abril e de remate o 23 de maio; o prazo de inscrición aínda está aberto ata o 20 de marzo); 36 en colaboración coas escolas oficiais de idiomas dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (repartidos en dúas quendas: de outubro a xaneiro e de febreiro a maio); e 10 en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística.

En total, os 82 suman 2340 prazas a disposición da cidadanía, que poderá optar pola modalidade presencial, ou, no caso da preparación para os niveis Celga 1, Celga 3 e Celga 4, pola teleformación. A novidade neste 2019 é a posibilidade de poder realizar, por primeira vez, cursos preparatorios do nivel 3 do sistema de acreditación oficial da lingua galega.

Para alén da formación específica do Celga, a formación en lingua galega presentada hoxe inclúe formación especializada, con case 50 cursos de linguaxes administrativa e xurídica -máis de 30 deles en liña- desenvolvidos en colaboración coa EGAP, coas escolas oficiais de idiomas e, nalgúns casos, con outras institucións, como a Deputación da Coruña, concellos ou o Colexio de Avogados de Santiago. Con eles, a secretaría xeral de Política Lingüística aspira a chegar a máis 1.000 profesionais ao servizo das administracións públicas.

No ámbito universitario, os convenios entre Política Lingüística e as tres institucións da educación superior en Galicia permitirán organizar outros 25 cursos dirixidos a estudantado (galego ou estranxeiro) ou persoal docente e investigador, o que suma máis de 600 prazas á oferta incluída no Plan de formación para 2019.

Aprendizaxe da lingua propia de Galicia no exteriorA dita oferta complétase coa formación en lingua galega ofrecida fóra da Comunidade Autónoma Galega. Esta inclúe o Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, froito da colaboración entre a Xunta e a Junta de Castilla e León, que posibilita a día de hoxe a aprendizaxe do idioma nas áreas galegofalantes do exterior por 1112 alumnos e alumnas que cursan estudos nos 19 centros educativos de infantil, primaria, secundaria do Bierzo e de Sanabria, así como na EOI de Ponferrada, adscritos ao programa.

Canda eles, no IE Cañada Blanch de Londres aprenden galego case outros 100; 500 no caso do Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e 400 no Colexio Castelao de Caracas. O ensino e a aprendizaxe da lingua propia de Galicia está tamén presente na educación superior do exterior, con 35 centros de estudos galegos nos que o estudan case 1000 alumnos e alumnas, tanto en universidades do resto de España como nas localizadas en diferentes puntos de Europa, América e Asia, da man da Rede de Lectorados da Xunta e da colaboración co Instituto Cervantes. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre