Inicio Galicia O Plan de dinamización do viño galego aposta por reforzar a súa...

O Plan de dinamización do viño galego aposta por reforzar a súa imaxe de marca e por buscar sinerxías con outros sectores coma o turismo

0

José González explicou que o Goberno galego vai coordinar esta estratexia e porá os medios económicos necesarios para aplicala de forma conxunta por todos os seus axentes

O conselleiro do Medio Rural, José González, salientou hoxe que o Plan de dinamización das comarcas vitivinícolas de Galicia que está a impulsar a Xunta pretende que sexa o propio sector do viño o que decida o seu futuro. Así o explicou na inauguración da XXII Feira do Viño de Valdeorras, que se celebra no concello ourensán do Barco de Valdeorras e na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Neste sentido, o conselleiro indicou que o Goberno galego vai coordinar esta estratexia e porá os medios económicos necesarios para aplicala, traballando xuntos os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, as rutas dos viños, os grupos de desenvolvemento rural, asociacións de produtores, xeodestinos turísticos, etc.

Na súa intervención, José González cualificou este plan, que foi anunciado polo propio presidente Núñez Feijóo no acto de entrega das catas de Galicia, como “ambicioso, pero necesario” e destacou que se basea no traballo en común de tres consellerías: Economía, Emprego e Industria, Cultura e Turismo e Medio Rural. Sinalou tamén que se procurará atender a cada necesidade e particularidade de cada zona produtora e de cada eido produtivo, así como das súas características comerciais, industriais e territoriais.

O titular de Medio Rural debullou ademais os principais contidos do plan. Así, en primeiro lugar, anunciou que se vai reforzar a imaxe de marca do viño galego e que cada unha das marcas que existen no mercado estarán promocionadas baixo o mesmo paraugas.

En segundo termo, desenvolveranse produtos e servizos turísticos para darlle valor engadido, de forma que se fortalezan así as economías locais, é dicir, a economía rural. En terceiro lugar, falou da importancia de impulsar a innovación e a formación para fomentar a remuda xeracional, a calidade e a profesionalización do sector. Por último, pero non menos importante –dixo o conselleiro–, tamén se traballará no eido ambiental, potenciando a calidade paisaxística, a sustentabilidade e o verde de Galicia.

No seu discurso, o conselleiro puxo tamén en valor a importancia do sector do viño na nosa comunidade autónoma. Así, lembrou que no conxunto das cinco denominacións de orixe de Galicia hai máis de 13.000 viticultores, máis de 450 adegas e arredor de 9.000 hectáreas de superficie de viñedos.

José González aproveitou a súa presenza nesta feira para felicitar os galardoados nas catas dos viños e especialmente a aqueles integrados na denominación de orixe Valdeorras. Destacou en concreto que un representante desta DO –Menciño, da adega Cooperativa Jesús Nazareno– recibiu o Acio de Ouro ao mellor Tinto de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre