Inicio Galicia O período xeral para exercer a actividade cinexética en Galicia estenderase do...

O período xeral para exercer a actividade cinexética en Galicia estenderase do 20 de outubro deste ano ao 6 de xaneiro de 2020

0

O DOG publica hoxe a resolución pola que se determinan as épocas permitidas de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por cada especie


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies para a tempada 2019-2020. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural elaborou esta norma que ten como obxectivo regular, entre outros aspectos, as especies sobre as que se poderá exercer a práctica cinexética, os métodos autorizados e as limitacións xerais ou particulares que afectarán ao exercicio da actividade na comunidade.

Segundo o establecido na resolución, a vindeira tempada de caza abranguerá desde o 1 de agosto deste ano ata o 31 de xullo do 2020, establecéndose como período hábil xeral para exercer a actividade o comprendido entre o 20 de outubro deste ano e 6 de xaneiro do próximo, ambos incluídos. Así mesmo, como en anos anteriores, considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos tanto estatais como autonómicos.

En canto aos distintos réximes segundo especies, unha das principais novidades da tempada actual é que no caso do xabaril se amplía o período hábil de caza en case un mes respecto do ano anterior. A Consellería traslada así á norma reguladora da actividade cinexética en Galicia a decisión adoptada polo Comité Galego de Caza na súa última reunión, na que propuxo ampliar o prazo da tempada 2018-2019 como medida de control poboacional ante a sobreabundancia desta especie silvestre.

De feito, esta mesma semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse con representantes da Federación Galega de Caza e aproveitou o encontro para abordar este tema e confirmarlles que a ampliación do período hábil para cazar xabarís sería incluída na resolución reguladora da actividade cinexética en Galicia que se fai pública hoxe.

Así, en terreos de réxime cinexético especial, o período hábil abranguerá do 24/08/2019 ao 29/02/2020 e poderá cazarse os xoves, sábados, domingos e festivos. En canto aos terreos de réxime cinexético común, o prazo fixado no caso do xabaril estenderase do 24/08/2019 ata o 31/08/2019 e do 07/01/2020 ata o 29/02/2020 os xoves, sábados, domingos e festivos, e do 01/09/2019 ao 06/01/2020, unicamente os sábados. Por último, nos tecores permitirase a caza desta especie tamén na superficie destinada a vedado de caza.

Así mesmo e como outra novidade a subliñar, con carácter xeral prohíbese o aproveitamento cinexético das femias de corzo e de cervo, podendo permitirse unicamente a súa caza puntual e localizada como consecuencia dos danos que poidan ocasionar.

Por outra banda, establécese un novo procedemento administrativo referente á solicitude xenérica en materia de caza, co fin de recoller aqueles procedementos non contemplados na resolución. Deste xeito, para a tempada 2019-2020 haberá un total de 16 procedementos normalizados.

Preferiblemente, as solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede da Xunta de Galicia. Ademais, de acordo co establecido na nova normativa reguladora do procedemento administrativo, para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, a presentación electrónica terá carácter obrigatorio.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre