Inicio Galicia O período hábil xeral para exercer a actividade cinexética en Galicia estenderase...

O período hábil xeral para exercer a actividade cinexética en Galicia estenderase do 18 de outubro ao 6 de xaneiro de 2021

0

O DOG publica hoxe a resolución pola que se determinan as épocas permitidas de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por cada especie


Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies para a tempada 2020-2021. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural elaborou esta norma que ten como obxectivo regular tamén, entre outros aspectos, as especies sobre as que se poderá exercer a práctica cinexética, os métodos autorizados e as limitacións xerais ou particulares que afectarán ao exercicio desta actividade na comunidade.

Segundo o establecido na resolución, a vindeira tempada de caza abranguerá desde o 1 de agosto deste ano ata o 31 de xullo do 2021, establecéndose como período hábil xeral para exercer a actividade o comprendido entre o 18 de outubro deste ano e o 6 de xaneiro do próximo, ambos incluídos. Así mesmo, como en anos anteriores, considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos tanto estatais como autonómicos.

Unha das novidades da nova tempada 2020-2021 é que permanecerán abertos durante todo o ano na sede electrónica da Xunta os procedementos administrativos para solicitar a aprobación do plan anual de aproveitamento cinexético e a renovación do plan de ordenación cinexética, simplificando e posibilitando ademais a súa presentación naqueles casos de creación de novos espazos de réxime cinexético especial.

Así mesmo establécense en total 16 procedementos administrativos normalizados, entre os que se inclúen os dous anteriores e mais a comunicación previa das cacerías que se realicen baixo a modalidade de batida, montaría, espera e axexo, a autorización para realizar adestramentos de cans atrelados en zonas libres de caza, ou as solicitudes xenéricas en materia de caza, entre outros.

Preferiblemente, as solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede da Xunta de Galicia. Ademais, de acordo co establecido na nova normativa reguladora do procedemento administrativo, para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, a presentación electrónica terá carácter obrigatorio. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Ademais, nas zonas de caza permanente que teñen autorizadas os tecores, autorízase a caza sementada de paspallás, perdiz, coello de monte, faisán, pato real e pomba brava.

En canto aos distintos réximes que se aplicarán segundo especies (aprobados unha vez oídos os comités provinciais e o Comité Galego de Caza) cómpre mencionar que se prohibe a caza da rula común no período hábil xeral. Unicamente nos tecores da antiga lagoa de Antela poderase autorizar a súa caza durante catro xornadas xunto co paspallás. Estas xornadas serán posteriores ao 22 agosto de 2020, en horario despois da saída do sol ata as 11:00 horas e desde as 17:00 horas ata o ocaso, fixándose unha cota máxima de captura para esta especie e neste período de caza de cinco exemplares por persoa e xornada.

En canto ao xabaril, posibilítase para aqueles terreos de réxime cinexético especial que non teñan cuberta a cota de capturas de xabaril aprobada para a tempada 2020-2021 a caza desta especie nos axexos de corzo que teñan aprobados no correspondente plan anual de aproveitamento desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2021. Así mesmo, no caso dos tecores, permítese a caza do xabaril na superficie destinada a zonas de adestramento de cans e aves de cetraría que teñan aprobadas nos seus plans de ordenación cinexética.

En canto ao período hábil de caza deste animal, estenderase desde o 22 de agosto ata o 28 de febreiro de 2021, o que supón manter practicamente sen cambios o do ano pasado, cando xa se acordara co sector ampliar en case un mes a tempada do xabaril ante a sobreabundancia da especie.

Así mesmo e como outra novidade a subliñar, cando se produzan danos permítese a caza puntual das femias adultas de corzo en descaste mediante a modalidade de axexo; e como medida de xestión a prol dun mantemento sostible desta especie, sempre e cando se solicite no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético e se xustifique debidamente desde o punto de vista técnico, permitirase a caza de femias adultas en descaste, mediante a modalidade de axexo (calquera día da semana) ou en batida ou montaría (sábados, domingos e festivos), no período comprendido entre o 5 de setembro e o 17 de outubro ou ben entre o 7 de xaneiro e o 2 de febreiro de 2021, a elección do titular do aproveitamento. Ademais, tamén se permitirá a caza de femias adultas de corzo en descaste. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre