Inicio Galicia O Pazo de Quián acolle hoxe e o mércores dous cursos sobre...

O Pazo de Quián acolle hoxe e o mércores dous cursos sobre os queixos galegos con Denominación de Orixe organizados pola Xunta

0
image_gallery.jpg

Abordaranse aspectos como as características, calidades e particularidades destes produtos, os seus procesos de elaboración, os elementos propios de cada denominación, os consellos reguladores e a súa análise sensorial


O Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) acolle esta tarde un curso sobre os queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP), dirixido ao persoal de industrias agroalimentarias (ou vinculado a este sector), así como a persoas pertencentes ao eido primario ou transformador. Esta acción formativa está organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), sendo impartido polo Departamento de Protección da Calidade Diferenciada desta axencia.

O curso, que está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, ten unha duración total de cinco horas. No seu programa abórdanse cuestións como as características, calidades e particularidades dos queixos galegos con DOP, os seus procesos de elaboración, os elementos propios de cada denominación, os consellos reguladores e a análise sensorial destes produtos. Cómpre lembrar que na nosa comunidade existen catro queixos con DOP. Trátase de Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro. Esta mesma acción formativa repetirase o vindeiro mércores, tamén no Pazo de Quián, e con idéntico programa e duración. En total, ambos cursos permitirán formar unha vintena de alumnos.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego -no que se integran estes cursos- é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Xa que logo, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre