Inicio Galicia O paro crece no Estado case o dobre que na Comunidade galega,...

O paro crece no Estado case o dobre que na Comunidade galega, que se sitúa como a terceira autonomía na que menos aumenta

0

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou que en Galicia, pese a aumentar o paro nun 10,35% na evolución anual, estase a recuperar emprego con respecto ao inicio do impacto da pandemia

Galicia pechou outubro cun incremento do paro do 10,35% na evolución anual. Pese a este aumento, e, segundo destacou a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, no Estado o desemprego crece case o dobre que na comunidade galega, que se sitúa como a terceira rexión na que menos aumenta o paro. En concreto, en España medra o paro nun 20,40%, polo que o ritmo de subida en Galicia é máis de 10 puntos inferior.

Lado valorou hoxe os datos de paro rexistrado destacando que os efectos da covid-19 continúan impactando no mercado laboral. Pese a este aumento, sinalou que Galicia conta con 10.322 parados menos que ao inicio do impacto da pandemia. Neste senso, subliñou que con respecto a abril deste ano, a Comunidade galega está a recuperar emprego, o que supón un descenso do paro neste período (entre abril de 2020 e outubro de 2020) dun -5,39%. Así mesmo, indicou que o desemprego sitúase a un nivel inferior ao de hai 11 anos, pese á subida rexistrada.

En canto ás afiliacións, a responsable de Formación e Colocación indicou que a Comunidade galega supera o millón de cotizacións (1.012.018) situándose a un nivel superior ao reflectido hai dez anos.

Na evolución mensual, o paro tamén aumenta, aínda que case dous puntos menos que en outubro de 2019. O desemprego medra con respecto a setembro deste ano nun 2,68% fronte á suba do 4,66% rexistrada en outubro de 2019 con respecto a setembro dese ano. Neste senso, Lado apuntou que o incremento deste outubro continúa a tendencia rexistrada en Galicia desde 1996 (serie histórica de datos).

Con respecto ás afiliacións, crecen nun 0,02%, un dato positivo, xa que é un feito habitual que a Comunidade perda cotizantes no mes de outubro. Así, acada o mellor resultado de toda a serie histórica (ano 2005) nun mes de outubro.

Para Zeltia Lado, os datos de paro de outubro reflicten as consecuencias da crise sanitaria e, por iso, reafirmou o compromiso da Xunta de continuar traballando e deseñando medidas da man dos axentes sociais e económicos para recuperar no menor tempo posible o emprego perdido desde o inicio da pandemia e reactivar a economía mediante o fomento do traballo de calidade.

A directora xeral afirmou que a máxima prioridade do Goberno galego é “crear emprego para axudar ás familias que máis están sufrindo os efectos desta pandemia”. Así, engadiu que a Xunta leva traballando desde o primeiro momento para axudar aos sectores económicos máis afectados co obxectivo de que os traballadores e traballadoras de Galicia poidan manter o seu emprego e aqueles que o perderon poidan incorporarse ao mercado laboral canto antes.

Axenda de EmpregoLembrou que a Administración autonómica activou unha nova Axenda de Emprego adaptada ao novo contexto socioeconómico para dar “unha resposta áxil” aos efectos da covid-19. Con esta planificación, que Lado definiu como “realista para apoiar ás familias”, a Xunta prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas que beneficiarán a máis de 65.000 persoas.

Para axudar aos sectores máis afectados, a Administración autonómica está perfilando no seo do Diálogo Social e na Mesa do Emprego Autónomo o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas. Trátase dunha iniciativa dotada con 70 millóns de euros para apoiar a actividade económica de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas.

En definitiva, Lado sinalou que a Xunta traballa “con realismo” e, por iso, actualizou a planificación autonómica en materia laboral co principal obxectivo de poñer en marcha medidas que “axuden ás familias galegas a paliar os efectos da crise sanitaria o antes posible”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre