Inicio Galicia O orzamento da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para o ano 2020...

O orzamento da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para o ano 2020 increméntase nun 20% ata os 33,7 millóns de euros

0

Manuel Rodríguez salientou que o seu departamento incrementa en máis dun 43% o investimento para o I+D+i agrario, forestal e gandeiro galego, destacando os incrementos en proxectos con financiación Feader

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, compareceu esta mañá na Comisión 3ª do Parlamento para dar conta dos orzamentos da Axencia para o ano 2020, que conlevan un incremento de case un 20% con respecto ao exercicio 2019, ata chegar aos 33,7 millóns de euros. Por isto dixo que “estes orzamentos son os da consolidación da Agacal”.

Durante a súa comparecencia, o director salientou que o seu departamento incrementa en máis dun 43% o investimento para o I+D+i agrario, forestal e gandeiro galego, destacando os incrementos en proxectos con financiación Feader. Así, en canto ao capítulo dos investimentos, cabe destacar a suba dun 30% nos centros de investigación (Mabegondo, Lourizán, Evega e Lafiga) e o mantemento no orzamento dos seis centros de formación e experimentación agroforestal (Sergude, Guísamo, Becerreá, Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourizán) en case 700.000 euros.

Con respecto ao presuposto para proxectos piloto e desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías, o director adiantou que aumenta nun 70% ata chegar aos 2,3 millóns de euros, mentres que o orzamento para proxectos de innovación e novas tecnoloxías agroforestais se mantén en case 750.000 euros. Finalmente, a partida en proxectos de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación será de case 850.000 euros.

Tras debullar as partidas relativas ás áreas de innovación e transferencia tecnolóxica, o director da Agacal destacou tamén que se porá en marcha un Plan estratéxico integral para a formación no ámbito agrario, gandeiro e forestal. Neste senso, dito plan incluirá a formación regrada e profesional, ademais dos certificados de profesionalidade e de formación continua que imparten os seis centros inscritos nesta Axencia, co obxectivo de potenciar os sectores produtivos galegos a través dun relevo xeracional profesional e formado.

Calidade agroalimentariaDoutra banda, Manuel Rodríguez fixo unha especial mención ao sistema de protección da calidade alimentaria a través das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, que constitúe unha importante ferramenta no desenvolvemento rural e un dos piares que compoñen os orzamentos para 2020 da Consellería do Medio Rural.

Así, o director sinalou que as partidas vinculadas directamente coa calidade alimentaria teñen importantes incrementos, de entre o 15 e o 25%, polo que o sector vaise ver reforzado de xeito considerado. Neste senso, destacou o Plan de promoción de produtos agroalimentarios de Galicia, que contará con ata 1,4 millóns de euros, e no que está contemplado a conversión do Pazo de Quián nunha finca escaparate para a promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais.

Precisamente para fomentar esa promoción do sector agroalimentario galego de calidade, Manuel Rodríguez explicou que as axudas para os gastos de funcionamento dos consellos reguladores increméntase nun 20% ata chegar aos 600.000 euros. Tamén aumenta a partida para o control da calidade, clave para dar garantías ao consumidor, nun 25% ata os 375.000 euros. Por último, tamén destacou que sobe o orzamento para as achegas de información e promoción no mercado interior ata os 3,5 millóns de euros (un 17% máis) e para a participación dos produtores nos programas de calidade, ata os 200.000 euros (un 15% máis).

Finalmente, o director da Agacal salientou que, tras a aprobación do seu decreto de desenvolvemento polo Consello da Xunta, a marca “Artesanía Alimentaria” mellorará o sistema de protección da calidade e, por conseguinte, a súa extensión a novas producións. Tamén está previsto, indicou, que inicie a súa andaina no 2020 a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, que está a punto de superar o último trámite para o seu rexistro na Unión Europea.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre