Inicio Galicia O órgano da igrexa de San Salvador de Celanova volve ser protagonista...

O órgano da igrexa de San Salvador de Celanova volve ser protagonista do IX ciclo de concertos didácticos da vila

0

A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa, na que levan participado preto de 10.000 estudantes de toda Galicia

O órgano da igrexa de San Salvador de Celanova volve ser o eixo en torno ao que xira o ciclo de concertos didácticos desta vila ourensá, que celebra este ano a súa novena edición. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe a unha nova sesión do ciclo para acompañar o alumnado do IES A Paralaia, de Moaña, do IES Pedro Floriani de Redondela e do IES Carlos Casares de Vigo.

O ciclo desenvólvese desde o pasado mes de marzo e remata a vindeira semana. Nesta edición participan 32 centros educativos de toda Galicia e arredor de 1.300 alumnas e alumnos. Estímase que, ao remate desta edición, levarán participado nesta actividade máis de 10.000 estudantes das catro provincias galegas.

En sesións de 50 minutos, o alumnado dos últimos cursos de primaria, de secundaria ou de bacharelato benefíciase dunha clase-concerto, dirixida por Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense. A sesión inclúe unha explicación do instrumento axeitada aos contidos pedagóxicos da etapa escolar á que se dirixe, pero a clase é eminentemente práctica e permítelles aos alumnos e alumnas, que previamente preparan na aula varias pezas cos seus profesores, interpretalas conxuntamente co órgano dentro do desenvolvemento do concerto didáctico.

Programacións no patrimonio históricoO ciclo de concertos didácticos de órgano está organizado polo Concello de Celanova. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con esta iniciativa para contribuír á difusión e á valoración social do patrimonio cultural galego, a través de programacións desenvolvidas en monumentos históricos, ao tempo que se pon en valor entre os máis novos o patrimonio organístico galego, un dos máis descoñecidos pola sociedade.

Co este obxectivo de difundir o patrimonio histórico a través de programacións culturais de calidade en diferentes puntos do territorio, a Secretaría Xeral de Cultura colabora con outras iniciativas, como o Ciclo de música relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera ou o Campamento Musical de Agolada, ademais de promover os festivais Espazos Sonoros e Monumenta.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre