Inicio Galicia O Observatorio Galego da Biodiversidade reúnese para analizar e revisar a estratexia...

O Observatorio Galego da Biodiversidade reúnese para analizar e revisar a estratexia da Xunta contra as especies invasoras

0

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu a xuntanza ordinaria do observatorio, durante a cal se informou de que Galicia poderá contar cun plan de acción contra a ‘herba da pampa’ adaptado á nosa realidade territorial

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu esta semana a reunión anual do Observatorio Galego da Biodiversidade, durante a que se analizaron as principais liñas de traballo que se están a desenvolver desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a conservación de especies ameazadas, dentro da súa estratexia global nesta materia, así como das actuacións e iniciativas en marcha na loita contra as especies exóticas invasoras.

En concreto, deuse conta das accións realizadas en relación coa píllara das dunas polo grupo de traballo creado para o seguimento desta especie, considerada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas e que conta co seu propio plan de conservación. Neste grupo participan de forma coordinada técnicos da Consellería de Medio Ambiente, da Universidade de Santiago, dos concellos con presenza desta ave limícola e persoal voluntario de organizacións como ADEGA, a Sociedade Galega de Historia Natural, ANABAM, SEO/BirdLife e a Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Na reunión tamén se prestou especial atención ás actuacións e iniciativas que se están a promover desde a Consellería para intentar paliar a proliferación de especies exóticas invasoras (EEI) nos ecosistemas galegos debido aos graves problemas de conservación que ocasionan para as especies autóctonas.

Neste sentido, os membros do observatorio tiveron coñecemento dos traballos de eliminación e control sobre EEI efectuados no último ano. Concretamente, abordouse a participación da Xunta de Galicia (como socio cofinanciador) no proxecto LIFE STOP CORTADERÍA, que conta cun presuposto global de 3,6 millóns de euros e será liderado pola asociación cántabra AMIC, que promove o desenvolvemento integral a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade.

O devandito proxecto conta cun total de 20 accións que serán implementadas polo socios procedentes de España e de Portugal ata o ano 2022. Entre elas, destacan medidas urxentes para controlar a expansión polo arco atlántico -desde Portugal a Francia, pasando por todo o litoral cantábrico- desta especie exótica invasora, popularmente coñecida como herba da pampa ou plumacho. Como resultado deste proxecto, tal e como se anunciou durante a reunión do Observatorio, Galicia poderá contar cun Plan de Acción contra a Cortadería adaptado de forma específica á realidade territorial da nosa comunidade.

Precisamente, esta mesma semana reuniuse por primeira vez o grupo de traballo contra a Cortadería no arco atlántico. Durante a xuntanza, que comezou onte e hoxe celebrará a súa derradeira xornada de traballo en Santander, uns 40 representantes de diferentes administracións españolas e lusas intercambiarán impresións e reflexionarán sobre as medidas máis axeitadas a adoptar para afrontar a invasión do plumacho nas rexións europeas con fachada atlántica. De feito, a Xunta participa hoxe no encontro para falar da expansión desta invasora en Galicia e a súa estratexia para combatela.

Tamén en materia da loita contra as especies exóticas invasoras, durante a reunión do Observatorio informouse da participación da Consellería no proxecto Interreg Atlantic Area (Atlantic POSitiVE avespa velutina), que busca mellorar o coñecemento sobre este insecto e desenvolver á vez un plan estratéxico de cooperación para protexer tanto os ecosistemas como as actividades económicas afectadas pola súa proliferación.

O proxecto, impulsado a finais do ano 2018, conta cun amplo partenariado, no que participan como socios as Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo e o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario-NEIKER, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária e a Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro (ambos de Portugal) e o Instituto National de la Recherche Agronomique (Francia); e que conta tamén como beneficiarios asociados, entre outros, coa Asociación galega de Apicultura, a Agrupación Apícola de Galicia, o Consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e o Goberno do Estado.

Esta iniciativa conta cun orzamento de preto de dous millóns de euros (sendo a participación da Xunta de 106.000 euros) e o seu desenvolvemento abranguerá ata o ano 2021.

Funcións e membrosO Observatorio Galego da Biodiversidade constitúese e está regulado por decreto aprobado no ano 2007 como órgano consultivo de asesoramento e consulta en materia de conservación da diversidade biolóxica da comunidade.

Entre as súas funcións cómpre subliñar as destinadas a prestar apoio á administración autonómica na análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia, a elaboración e seguimento dos seus principais indicadores e, en relación co Catálogo galego de especies ameazadas, informar sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora incluídas no mesmo, así como sobre os plans de xestión de especies catalogadas e o seu desenvolvemento. Neste órgano consultivo participan, ademais de representantes da Administración galega, especialistas de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies vertebradas, invertebradas, fanerógamas e criptógamas e de especies dos medios mariño, terrestre e doce-acuícola, así como representantes das tres universidades galegas e asociacións que teñen entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre