Inicio Galicia O obradoiro ?Serra da Cadeira V? acondiciona o albergue de Gondán, en...

O obradoiro ?Serra da Cadeira V? acondiciona o albergue de Gondán, en Barreiros, e mellora o Camiño e distintos espazos en Trabada, Mondoñedo e Lourenzá

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou os traballos que desenvolve o taller, financiado pola Xunta con 288.800 euros


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe os traballos que están a desenvolver os alumnos e alumnas do obradoiro de emprego ‘Serra da Cadeira V’, que leva a cabo diferentes actuacións nos concellos de Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e Trabada, moitas delas vinculadas ao Camiño de Santiago. Balseiro achegouse ás obras que está a executar o taller no albergue de Gondán, en Barreiros. Entre outras melloras, cambiarase a cuberta do inmoble e o peche.

O obradoiro conta con 20 persoas alumnas e imparte formación específica en instalación de elementos de carpintería, mecanizado de madeira e derivados e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en aproveitamentos forestais. Está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento de 288.800 euros. Para a súa posta en marcha foron contratados, ademais dos alumnos-traballadores, un director, un administrador e dous monitores.

As actuacións a desenvolver ata a súa finalización, a finais de xullo, inclúen tarefas de limpeza forestal e acondicionamento de zonas verdes e diversos espazos destes concellos. Así, en Trabada prográmanse, entre outros, labores de mantemento no Camiño de Santiago (nos treitos entre Sante, Trabadela, Abraira, Trapa, A Cadeira e o límite con Lourenzá), así como a restauración ambiental dos regos Vidal, Vilaformán e San Martiño.

En Mondoñedo tamén se realizan traballos de mantemento no entorno da ruta Xacobea (nas zonas de Reguengo, Lindín e Maariz) e proponse a creación dun espazo público virtual de comunicación e coñecemento do treito do Camiño que atravesa o concello e das iniciativas do propio obradoiro. Así mesmo, no municipio mindoniense está prevista a construción dunha varanda de madeira para a ponte do Pasatempo.

En canto ao concello de Lourenzá, estase a traballar no acondicionamento de parques, xardíns e zonas verdes, como as contornas das igrexas de San Adrao, Santo Tomé e San Xorxe, a capela de San Sebastián, o monte Calvario ou a escola do Castro, entre outras. Neste mesmo municipio, o obradoiro realizará tamén labores de mantemento de mobiliario urbano como elementos de madeira dos parques infantís e bancos. Ademais, está previsto facer un peche na parcela do centro de día de Lourenzá.

Balseiro subliñou que “a importancia destas iniciativas é dobre, non só porque permiten acometer accións importantes que serven para mellorar infraestruturas e servizos públicos nos seus respectivos ámbitos, senón tamén porque representan unha oportunidade para mellorar a formación das persoas desempregadas, ao mesmo tempo que desempeñan un traballo remunerado”.“Esa formación é unha oportunidade para que eses alumnos e alumnas podan reinsertarse no mercado laboral nunha profesión con demanda por parte do tecido empresarial e produtivo”, engadiu o delegado. Ademais, neste caso “o obradoiro ten unha vantaxe engadida, xa que inclúe actuacións que contribuirán a poñer en valor o Camiño de Santiago, e ten que ser obxectivo de todos mantelo nas mellores condicións”, concluíu Balseiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre