Inicio Galicia O obradoiro de emprego 'Ulla-Umia IV' forma dende hoxe a 20 desempregados...

O obradoiro de emprego 'Ulla-Umia IV' forma dende hoxe a 20 desempregados de Moraña e Valga en albanelería e mellora de montes

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, inaugurou esta iniciativa coa que os alumnos recibirán formación cun certificado de profesionalidade e un contrato de traballo


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do novo obradoiro de emprego conxunto de Moraña e Valga, “Ulla-Umia IV”, que permitirá a 20 desempregados destas dúas localidades formarse en Fábricas de Albanelería e en Aproveitamento Forestal e Mellora de Montes.

O delegado estivo acompañado neste acto dos alcaldes das localidades promotoras da iniciativa, Luisa Piñeiro e José María Bello Maneiro, así como polo xefe territorial de Economía, Empleo e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Esta iniciativa trátase dun obradoiro dual que permitirá non só levar a cabo unha formación teórica senón tamén práctica. Contará con 20 alumnos que se formarán durante 9 meses. A Xunta achegará para o desenvolvemento do mesmo un total de 336.446 euros.

Deste xeito, os alumnos aproveitarán para desenvolver as súas prácticas levando a cabo a rehabilitación de lavadoiros e fontes, executando obras de accesibilidade no local cultural de Achan-Amil, reformando vestiarios e baños das piscinas municipais e rehabilitando os edificios públicos de ambos municipios. En canto a especialidade de aproveitamento forestal, os alumnos levarán a cabo traballos de roza, corta e poda de árbores, sementado e plantación de especies de xardín e colocación de puntos de información no camiño portugués. Ademais, tamén colocarán puntos de información no Mirador de Beiro e adecuarán espazos verdes municipais.

En total, en Galicia aprobáronse 77 iniciativas cun orzamento de 22,3 M€. Os beneficiarios recibirán formación con certificado de profesionalidade e tamén un contrato de traballo. Na provincia de Pontevedra desenvolveranse 21 iniciativas (15 duais e 6 xuvenís).

Cores Tourís, destacou durante a inauguración que nos últimos anos, estes dous concellos desenvolveron un total de 7 obradoiros, o que supuxo unha axuda total de cerca de 2 millóns de euros.

O delegado explicou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.

Agradeceu, deste xeito, a colaboración e coordinación dos concellos cos obradoiros de emprego para contribuír a mellorar o emprego nas comarcas de Galicia.

Trátase da segunda convocatoria deste programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. A duración dos obradoiros duais será de 9 meses.

Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital; a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio e, nos casos dos obradoiros duais, valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral durante un mínimo de tres meses a xornada completa.

Os obradoiros de emprego forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panca de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación ou desaparición doutras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre