Inicio Galicia O Obradoiro de Emprego 'Manuel B. Portela VI' forma dende hoxe a...

O Obradoiro de Emprego 'Manuel B. Portela VI' forma dende hoxe a 20 desempregados da Guarda en atención sociosanitaria

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, inaugurou esta iniciativa coa que os alumnos recibirán formación cun certificado de profesionalidade e un contrato de traballo


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do novo obradoiro de emprego da Guarda “Manuel B. Portela VI”, que permitirá a 20 desempregados desta localidade formarse en atención sociosanitaria a persoas en domicilio.

O delegado estivo acompañado neste acto do alcalde da localidade do Baixo Miño, Antonio Lomba.

Esta iniciativa trátase dun obradoiro dual que permitirá non só levar a cabo unha formación teórica senón tamén práctica. Contará con 20 alumnos que se formarán durante 9 meses. A Xunta achegará para o desenvolvemento do mesmo un total de 336.446 euros.

Deste xeito, os alumnos aproveitarán para desenvolver as súas prácticas con visitas a persoas dependentes en domicilio. Ademais dos alumnos, este obradoiro tamén contará con un director, unha titora, e dúas docentes en área sanitaria e social.

En total, en Galicia aprobáronse 77 iniciativas cun orzamento de 22,3 M€. Os beneficiarios recibirán formación con certificado de profesionalidade e tamén un contrato de traballo. Na provincia de Pontevedra desenvolveranse 21 iniciativas (15 duais e 6 xuvenís).

Trátase da segunda convocatoria deste programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. A duración dos obradoiros duais será de 9 meses.

Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital; a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio e, nos casos dos obradoiros duais, valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral durante un mínimo de tres meses a xornada completa.

Os obradoiros de emprego forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panca de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación ou desaparición doutras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre