Inicio Galicia O novo Plan de atención a persoas sen fogar multiplicará por catro...

O novo Plan de atención a persoas sen fogar multiplicará por catro o número de prazas en centros de exclusión e porá á disposición 100 vivendas para aloxamento

0

Feijóo explica que o documento, con máis de 100 medidas, será consensuado coas entidades sociais e os concellos nas vindeiras semanas e xa recolle o 85% das propostas formuladas polas entidades sociais


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe algunhas das liñas estratéxicas que contempla o futuro Plan de atención ás persoas sen fogar 2019-2023 despois de que o Consello da Xunta analizara o documento que recolle as conclusións do estudo sobre a situación das persoas sen fogar na nosa Comunidade encargado o ano pasado.

O documento, con máis de 100 medidas, será consensuado coas entidades sociais e os concellos nas vindeiras semanas e xa recolle o 85% das propostas formuladas polas entidades sociais.

A acción máis relevante desenvolverase no ámbito dos recursos de atención e multiplicará por catro o número de prazas en centros de exclusión para as persoas que requiren dunha atención máis urxente. Pero ademais, na área da vivenda, prevé a posta á disposición de 100 vivendas para o aloxamento de persoas sen fogar.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou tamén que no eido da prevención o plan contempla dúas grandes propostas: a ampliación do proxecto Nelson Mandela ao cárcere da Lama e o impulso a programas de intermediación inmobiliaria para reducir as barreiras que as persoas con rendas moi baixas se atopan ao alugar unha vivenda.

Así mesmo, o novo documento, dixo, prevé a creación dunha web que traslade aos galegos e galegas información sobre a situación das persoas sen fogar e contribúa a sensibilizar a sociedade e reducir a discriminación cara á este colectivo. Eido no que tamén se incidirá con medidas dirixidas aos máis novos a través do sistema educativo. E, no referente á igualdade de xénero, sinalou, elaborarase un estudo sobre a situación específica das mulleres sen fogar e se poñerá en marcha un proxecto de acompañamento social dirixido a elas.

Finalmente, engadiu, haberá tres grandes novidades no que atinxe á atención sanitaria: preferencia na atención ás persoas sen fogar con enfermidade mental, prevención e vixilancia da súa saúde e expedición da tarxeta sanitaria para as persoas deste colectivo que estean empadroadas en Galicia.

Por último, Feijóo definiu o plan como “ambicioso en todos os sentidos”, froito dun “diálogo útil” entre as entidades, os concellos e a Xunta. Ademais, adiantou que o Goberno galego agarda que a versión definitiva estea lista antes do verán.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre