Inicio Galicia O novo concurso do servizo de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia...

O novo concurso do servizo de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia amplía a oferta asistencial

0

O conselleiro de Sanidade afirma que o concurso introduce dous novos modelos de atención ás urxencias/emerxencias do 061 na comunidade galega


O novo concurso de transporte sanitario urxente terrestre amplía a oferta asistencial ao incorporar novos recursos, máis horas de servizo e mellores equipamentos, ademais de incrementar a inversión. Así o afirmou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, en sede parlamentaria.

O expediente para a nova contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre, iniciado a finais do pasado mes de abril cun importe de licitación de 184.801.447 euros (distribuído en cinco anualidades, inclúe 6 novas ambulancias de soporte vital avanzado, e unha ambulancia de soporte vital básico con base no concello do Carballiño. Deste xeito, o novo modelo do 061 engadirá estas 6 ambulancias de SVA ás 10 ambulancias que compoñen o modelo actual para a asistencia ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias; incrementará o número de ambulancias de SVB ata as 107 unidades, e as unidades non asistenciais con base nos concellos de Pedrafita do Cebreiro e de Folgoso do Courel aumentarán a súa operatividade de 10 a 24 horas. Tamén se prevé a posibilidade de melloras en Ponteareas, Marín e Baiona. Tamén incorporará 12 médicos e 24 persoal de enfermería.

Almuiña subliñou que o novo dimensionamento da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia-061 introduce dous novos modelos de atención ás urxencias/emerxencias na comunidade galega, o que amplía a oferta asistencial. Deste xeito, contarase con ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado con enfermería, avaladas polos resultados que están obtendo noutras comunidades autónomas, e con máis capacidade resolutiva, ao incorporar persoal de enfermería capacitado e habilitado para actuar en situación de urxencias, emerxencias ou crises.

Doutra banda, disporase de novas ambulancias asistencias de soporte vital avanzado, con base no municipio de Monforte e na Comarca do Salnés, incorporando a xa existente en Foz. Deste xeito dotarase a estas tres áreas dun recurso de resposta inmediata para os traslados dos doentes atendidos nos hospitais comarcais de Monforte, do Salnés e da Mariña, que teñan sufrido patoloxías tempo-dependentes (infarto agudo de miocardio, ictus ou sepse). Tamén se trasladarán a outros hospitais da rede pública galega todos aqueles pacientes críticos urxentes destes hospitais comarcais que necesiten continuidade máis especializada ou ben a realización de probas diagnósticas especiais. Cómpre subliñar que estes recursos contarán con persoal especialista na asistencia e transporte de urxencias e emerxencias.

Ademais, e segundo destacou o titular da carteira sanitaria galega, todas as ambulancias de soporte vital avanzado (SVA) e de soporte vital básico (SVB) serán vehículos de nova matriculación, é dicir, novos. Así o recolle o prego de prescricións técnicas do novo concurso de transporte sanitario urxente terrestre.

Almuiña subliñou que o concurso de transporte sanitario urxente terrestre cumpre co establecido na Lei de Contratos do Sector público e realízase tendo en conta as recomendacións e os estudios científicos e a análise que polo miúdo realizou a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061.

O titular da carteira sanitaria lembrou que os tempos de resposta en emerxencias de Galicia son os mellores de España e que a comunidade galega segue pioneira na implantación de programas dirixidos a mellorar a asistencia de urxencias. Tamén afirmou que a dotación de tres profesionais, entre eles un médico e un enfermeiro, garante a atención e o manexo de calquera tipo de doente en situación crítica, “ademais de aumentar a supervivencia dos pacientes que sufran un infarto agudo de miocardio, un ictus ou mesmo unha parada cardiorespiratoria”, dixo.

Negociación cos PACsPor outra parte, o conselleiro de Sanidade manifestou que o Sergas non deixou de manter numerosas reunións para poder acadar acordos co persoal dos PACs. E lembrou que o seu departamento aceptou 9 das 11 medidas presentadas polas organizacións sindicais, “proba da clara vontade negociadora desta Consellería”, afirmou.

Das melloras incorporadas á proposta dos representantes dos PACs destaca o incremento retributivo pola realización de noites, festivos e domingos nun 60% en 2020 e do 40% en 2021, o que suporá un incremento de 600€ anuais por noites, e 1.400€ anuais por festivos e domingos. Entre as melloras xa incluídas noutras propostas está o abono de dúas dietas de manutención en domingos e festivos (que se ampliou a cando o servizo sexa de 24 horas); unha maior participación do persoal na fixación de obxectivos do servizo e a aplicación da neutralidade das situacións de incapacidade temporal e permisos retribuídos. Tamén se atendeu á petición de dispoñibilidade de uniformidade suficiente, con imaxe corporativa única e equipos de protección individual.

Respecto do incremento de persoal, o Sergas aceptou a garantía de reforzos de profesionais que sexan necesarios tendo en conta criterios obxectivos (sobrecarga, dispersión, desprazamentos ou outras circunstancias que o xustifiquen). Tamén se aceptou a dotación de equipos completos de profesional medicina/enfermería e a realización, no último trimestre do ano, dunha análise da dotación de novas prazas no marco global de atención primaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre