Inicio Galicia O novo complexo de Monterrei contará cunha pista polideportiva, dúas de tenis,...

O novo complexo de Monterrei contará cunha pista polideportiva, dúas de tenis, catro de pádel e un pump track que estarán dispoñibles neste verán

0

As obras da zona deportiva comezarán neste primeiro trimestre cunha dotación de 1.022.866,17 euros e tamén se ampliará a cuberta da pista de atletismo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou hoxe o proxecto de reforma do novo Complexo Deportivo de Monterrei que contará cunha zona deportiva e unha zona acuática como dúas partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xuntade Galicia e Deputación de Ourense. O acto, que tivo lugar no propio complexo deportivo, contou coa presenza da delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández e o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor.

No que respecta á zona deportiva, esta será un espazo novo no que se construirá unha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas, realizarase a ampliación da cuberta da pista de atletismo e executarase unha instalación de pump track indoor. A realización deste espazo para bicicleta BTT e deportes urbanos, similar ao executado pola Secretaría Xeral para o Deporte en Maceda, débese ao seu potencial para a formación técnica de nenos e nenas, así como á excepcional marcha do ciclismo galego, nomeadamente do ciclocross que conta con nomes de grandes deportistas como os de Pablo Rodríguez, Iván Feijóo ou Carlos Canal e outros que veñen por detrás como Irene Trabazo, Adrián Barros ou Noela Saa.

As obras desta primeira fase comezarán no primeiro trimestre de 2020 para que estean finalizadas no verán. A dotación total da fase da zona deportiva será de 1.022.866,17 euros.

Zona acuáticaNo que atinxe á parte acuática, a redacción do proxecto sairá a concurso nos vindeiros meses e constará de tres fases diferenciadas: a piscina familiar, a piscina infantil e os tobogáns de adrenalina. Os prazos de actuación indican que a zona acuática estará completamente rematada antes do verán de 2023. Cómpre lembrar que durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas. O orzamento da parte acuática alcanzará os 8.809.566,35 euros.

A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva e, sobre todo, acadar a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano.

O futuro parque terá en conta as posibilidades de lecer que rodean a este espazo e que forman parte do actual complexo mantendo a contorna natural, os espazos verdes e a vexetación existente, creando un lugar agradable para os seus visitantes. O complexo deportivo de Monterrei converterase deste xeito nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre