Inicio Galicia O novo circo, a danza aérea e a música electrónica suben ao...

O novo circo, a danza aérea e a música electrónica suben ao escenario do CDG coa compañía IO e o espectáculo '4 segundos'

0

O Salón Teatro acolle tres funcións da montaxe este venres e o sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.


O Centro Dramático Galego (CDG) ábrelle as portas do Salón Teatro de Santiago á Compañía IO, que esta fin de semana representa alí o seu espectáculo 4 segundos, no que mestura novo circo, danza e a experimentación coa música electrónica. Son tres as funcións da montaxe programadas neste espazo da Xunta, onde poderá verse o venres 6 e o sábado 7, ás 20,30 h., e o domingo 8, ás 18,00 h.

O título desta peza fai referencia a como os poucos segundos dun suceso dramático, como un accidente, poden cambialo todo e a como a sensación de perigo ou risco esperta o noso instinto animal de supervivencia. Trátase do segundo espectáculo desta compañía galega, que debutou en 2016 con Contiguo e que hai un mes estreou Espida, a súa nova proposta.Álvaro Reboredo “Fitinho” asina tanto a dirección como a dramaturxia, que interpreta xunto a Beatriz Rubio e Javier Lemus. Este último é o encargado da súa ambientación sonora en directo, a partir das bases electrónicas que manexa desde a mesa situada no propio escenario. Tamén sobre el, un gran número de tubos mantéñense en pé ocupando todo o espazo de xeito que, a partir do seu manexo, a acción física e o movemento son o verdadeiro motor deste espectáculo, con gran peso das acrobacias.

No equipo artístico de 4 segundos, atópanse tamén o coreógrafo e ex ximnasta da selección olímpica brasileira Maximiliano Sanford Monte, na dirección de movemento; Atelier Efímero, a cargo do vestiario; Javier Quintana, da iluminación, e a propia Beatriz Rubio, da escenografía.

As entradas para as tres funcións en Santiago de Compostela, que supoñen a reestrea de 4 segundos en salas tras o seu percorrido como espectáculo de rúa, poderán adquirirse unicamente no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo da representación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre